A xunta de voceiros municipais debateu novas propostas de axuda á economía local e convenios coas Comunidades de Montes
O alcalde accidental, Pedro Pereira presidiu hoxe a reunión da xunta de voceiros municipais que abordou dous asuntos: novas propostas de axudas á economía local, e a negociación de convenios coas Comunidades de Montes.
O concelleiro de Promoción Económica, David Alonso, solicitou aos restantes grupos da corporación que fixeran as súas propostas sobre qué destino darlle aos cartos sobrantes do Fondo de Axudas Covid, que ao longo deste ano repartiu o Concello entre establecementos de Hostalería, Comercio, Autónomos e Microempresas que as solicitaron.
A partida era de 140.000 €, dos que se entregaron achegas por importe de 112.280 €, polo que a cantidade disposta é de preto de 28.000 €.
Acordouse que o concelleiro daralle forma a unha proposta para habilitar unha convocatoria de axudas á que poderán presentarse establecementos, autónomos e micro empresas, que non tiveran recibido anteriormente achegas desta liña de axudas ”Porriño Impulsa”. Por outra banda, en condición de concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira informou aos voceiros dos grupos da corporación, que está a negociar coas Comunidades de Montes. Trasladoulles un borrador de convenio coa comunidade de montes de Budiño que “establece unha cesión de uso dos locais namentres non haxa unha resolución xudicial firme”. Pereira Fernández informoulles que “tamén está a traballar e negociar outro convenio similar coa comunidade de montes de Atios”.