
O acordo entre ambos partidos resolve a situación política en Tui evidenciando que o camiño a seguir é o do construtivismo e a responsabilidade isntitucional, mentras a dereita tudense segue unida na súa atitude de ultimatos e bloqueos
O grupo municipal do PSdeG-PSOE quere comunicar aos cidadáns tudenses que chegou a un acordo co BNG para poder solventar a situación anómala e inaudita na que se encontraba o goberno municipal.
Tras o Pleno de organización celebrado o pasado 11 de xuño, no que vivimos unha situación vergoñenta protagonizada pola dereita e os seu continuo boicot á palabra dada, foron rexeitadas as condicións de traballo do equipo de goberno. Despois desta embarazosa situación, o PSdeG-PSOE lonxe de amosar unha actitude de tanta baixeza, decidíu continuar coa responsabilidade política que xa o caracterizou nas anteriores negociacións para o Pleno, a través do diálogo e actitude construtiva. Todo isto sen paralizar o traballo pola nosa cidade, a pesar das condicións precarias nas que se deixou todo este tempo ao goberno (dados de baixa da Seguridade Social e sen ningún ingreso).
O grupo municipal socialista mantivo conversas e negociacións, en varias ocasións, con todas as organizacións políticas da corporación e sen excepcións, atopándose dúas atitudes totalmente diferentes: a da dereita tudense en forma de ultimatos moi semellantes entre C21 e o PP que evidencia unha vez máis a súa unión do bloqueo institucional; e a do BNG que aínda discrepando nun contexto programático, amosou unha intención construtiva en aras de resolver a situación anómala producida.
Resultado destas conversas, o PSdeG-PSOE chegou a un acordo co BNG que, non só garante unhas condicións de traballo dignas para que o goberno poda realizar o cometido para o que foi elixido, senón que ademáis aseguran o desenvolvemento de proxectos moi importantes para a cidadanía tudense, amosando que o bo camiño é o das actitudes construtivas.
Por outra banda, instamos a que a dereita depoña esta atitude de bloqueo e ultimatos contraria aos intereses xerais da nosa gran cidade.
