Os equipos masculino e feminino adestrarán para preparar o Campionato de España no río Miño e contarán cunha alta representación tudense
A Federación Galega de Remo, en colaboración co Club Remo do Miño, organizará en Tui esta fin de semana, a concentración da selección galega de remo olímpico na categoría absoluta, masculina e feminina.
Un total de 22 remeir@s, pertencentes a 7 clubs galegos, asistirán a esta concentración que ten como obxectivo a preparación do Campionato de España de remo olímpico e de autonomías, que se celebrará en Castrelo do Miño, os días 18 e 19 de febreiro.
@s deportistas adestrarán no río Miño e pernoctarán nas instalacións do Centro Especializado en Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo de Tui. Entre os convocados estarán os deportistas do Club Remo do Miño, Carlota González, Nuria Domínguez, María Cristina González, Rodrigo Conde e Jesús González; así como do Club Remo Tui, Laura Solla e Martín Sías. Nesta convocatoria tamén participará como temoneira, Rebeca Rodríguez, do Club Remo do Miño.
Tanto Carlota González, como Rodrigo Conde, concentrados habitualmente en Sevilla, seguirán adestrando durante toda a semana en Tui e, ao remate do Campionato de España, iniciarán as competicións internacionais co obxectivo da clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.