Sthela Táboas 25/10/2021

O galardón proponse impulsar e destacar proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo destacou “a función integradora das bibliotecas e a súa capacidade para estimular a cohesión social, facilitando a participación cidadá e a solidariedade”

A Xunta de Galicia vén de recoñecer o proxecto ‘Unha biblioteca para Xela’, da Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela, en Redondela, co IV Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, que ten como obxectivo impulsar e pór de relevo os proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais.

O galardón foi entregado hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na clausura da III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, celebrada na Biblioteca de Galicia baixo o título ‘A biblioteca social’. Especialmente dirixido ao persoal traballador da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, o encontro enmarcábase na programación desenvolvida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co gallo do Día das Bibliotecas.

O representante da Xunta de Galicia quixo salientar “a función integradora das bibliotecas e a súa capacidade para estimular a cohesión social, facilitando a participación cidadá e a solidariedade”. Así mesmo, louvou o proxecto galardoado nesta edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, dotado con 3.000 €, destacando o xeito en que “conxuga innovación e excelencia na súa concepción, nos recursos innovadores utilizados e no esforzo na súa difusión”.

Este galardón recoñece anualmente proxectos desenvolvidos en bibliotecas públicas municipais e relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, competencias informacionais e dixitais, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, posta en funcionamento de servizos innovadores, sustentabilidade ambiental, igualdade entre homes e mulleres, loita contra a violencia de xénero e contribución aos obxectivos da Axenda 2030. A esta cuarta convocatoria optaron proxectos de bibliotecas dos concellos de Bande, Carballo, O Porriño, Ribadavia, Soutomaior, Verín e Redondela.

A primeira entidade galardoada con este premio foi, no ano 2018, a Biblioteca Pública Municipal de Camariñas polo proxecto ‘O berberecho rebecho viaxa a La Turballe’, mentres que na segunda edición recoñeceuse o mapa literario de Vigo elaborado pola Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. A última en incorporase a esta listaxe foi a Biblioteca Municipal de Bóveda, recoñecida pola súa capacidade para influír na comunidade e executar un proxecto de integración social que tiña en conta as circunstancias de todos os veciños ao adquirir recursos bibliográficos adaptados como os libros de lectura fácil ou audiolibros e adaptar o acceso ás súas instalacións.

O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia foi a sede dun encontro que, baixo o título ‘A biblioteca social’, analizou novas ferramentas e perspectivas para a consolidación das bibliotecas como espazos abertos e participativos, de inclusión e integración e de relación interxeracional, congregando a comunidade bibliotecaria galega nun foro de diálogo cara a revelación e formulación de novas propostas.

Entre as relatoras e relatores, contouse con representantes de distintas bibliotecas da contorna galega e estatal e doutros colectivos , como David Martínez Ayllón (Biblioteca Pública de Cuenca), Antonio Díaz Grau (Biblioteca Pública de San Javier, Murcia), Ana Isabel Alonso López (Biblioteca Pública Enrique Rivera Rouco das Pontes de García Rodríguez), Mónica Carballo Quiroga (Biblioteca Pública do Saviñao), Colectivo Lemos Le, Francisco Montoto Veira (Centro Interxeneracional de Ourense), Juan Sobrino García (Biblioteca Pública de Soto del Real, Madrid), Mar García Pérez (Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas, de Vigo), Vicente Rodríguez Justo (Biblioteca Pública de Verín) e Santiago González Avión (Asociación Diversidades).

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad