O secretario xeral de Cultura, a alcaldesa de Mos e a concelleira de Cultura e Turismo reuníronse esta tarde coa organización do evento, que se celebrará esta fin de semana e para o que xa están todas as entradas esgotadas
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse esta tarde no Pazo de Mos cos membros da organización do VI Festival Intercéltico O Son do Pazo 2021, e coas representantes municipais Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo mosense.
O representante da Xunta puxo en valor esta cita para divulgar tanto a nosa música como os oficios tradicionais vencellados a ela. Un evento que se celebrará esta mesma fin de semana con acceso gratuíto pero para o que xa non quedan entradas dispoñibles.
O Son do Pazo 2021 conta co apoio do Concello de Mos e a Xunta de Galicia. O festival está organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos e celebrarase este venres 24 e sábado 25.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor citas como o festival mosense, “que afondan na música galega e de raíz e que contribúen ademais á divulgación dos oficios máis tradicionais vencellados á nosa historia musical”. Non en balde, durante os dous días do festival, desenvolveranse mostras de coiro e instrumentos tradicionais e diferentes obradoiros.
No eido das actuacións, abrirán o festival o grupo Fillos D’Pile e a banda de gaitas do Casco Vello. A sesión vermú do sábado correrá a cargo de Cé Orquestra pantasma e Acordeireta, mentres que pola tarde será a quenda de Artur Puga (cun obradoiro de baile) e da banda de gaitas Airiños do Castelo. Lagharteiras, Fiandola e Pelepau porán o ramo ao festival.