O Concello de Tui promove a xornada “Turismo para un crecemento inclusivo”. Celebrarase o vindeiro luns, 27 de setembro, Día Mundial do Turismo
O Concello de Tui promove unha xornada titulada “Turismo para un crecemento inclusivo” con motivo do Día Mundial do Turismo que se celebra o próximo luns. Será na Aula da UNED no antigo convento de San Domingos de 10 a 13 h.
Con esta actividade o Concello de Tui ten por obxectivo promover unha reflexión sobre as posibilidades que, de cara ao futuro post-covid, ofrece o noso territorio no ámbito turístico no que cómpre traballar en varias liñas de traballo:
- Unha inmediata para mitigar os efectos socioeconómicos da pandemia como foi a liña de axudas de reactivación comercial para a continuidade dos negocios e o mantemento do emprego
- Procura de novos sectores de oferta turística
- Promover a competitividade e a capacidade de recuperación mediante a diversificación e o fomento do emprendemento
- Impulsar a innovación e a transformación do turismo, afondando na calidade fronte a masificación
- Aliñamento do sector cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) centrados, nesta oportunidade, na inclusión.
O próximo luns, 27 de setembro, ás 10.15 h está prevista a inauguración por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. A continuación a xornada contará cun relatorio a cargo do profesor da Escola de Turismo da Universidade da Coruña, Carlos Rodríguez Carro, que abordará unha reflexión sobre o sector turístico. Centrarase especialmente nas oportunidades que se abren neste escenario post-covid e que cómpre aproveitar dende unha aposta pola calidade, a diversificación e as novas ofertas de produtos turísticos.
Celebraranse dúas mesas redondas. Unha primeira “Turismo para todos” para amosar as actividades que no ámbito da inclusión realizan empresas e emprendedores tudenses. Na segunda mesa redonda “Novas iniciativas turísticas” participarán as novas ofertas turísticas especializadas que se desenvolven no ámbito tudense: ofertas de turismo familiar, para mascotas, etc. O programa complétase cunha intervención sobre o posicionamento do Camiño Portugués ao seu paso por Tui nas redes sociais.
Esta actividade está organizada polas concellerías de Turismo e Camiño de Santiago e Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui. Da continuidade ás celebradas nos anos 2019 e 2020 e que tiveron unha excelente acollida. Este ano, debido as condicións da pandemia, as prazas están limitadas a 30 que se cubrirán por rigoroso orde de inscrición. Os interesados enviar os seus datos a turismo@tui.gal.
XORNADA DIA MUNDIAL DO TURISMO
Luns 27 de setembro
Turismo para un crecemento inclusivo
10.15 h: Inauguración polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González
10.30: Ponencia de Carlos Rodríguez Carro, profesor do grado en turismo da Universidade da Coruña
11.15 h Mesa redonda: Turismo para todos
- Ana Isabel Mariño – Hotel Torre do Xudeu
- Carlos Estévez – Federación Galega de Motonáutica
- Laura Méndez – Restaurante El Molino
11.45 h A promoción do Camiño Portugués a través das redes sociais por Cristóbal Ramírez
12.30 h Mesa redonda: Novas iniciativas turísticas
- Sara Quintana Vila (Visitas guiadas Tui)
- Natalia Lago Bravo (Educación ambiental no Parque Natural do Monte Aloia – A fada do Aloia)
- Ana Mª Rodríguez Ruiz (centro zoolóxico termal “El Arca” – Balneario de Caldelas)
13.00: Clausura
Organiza: Concellería de Turismo e Camiño de Santiago e Concellería de Emprego e Formación
Lugar: Aula Uned
Inscrición previa en turismo@tui.gal