O programa do grupo nacionalista para transformar O Porriño terá presenza, sexa desde as institucións ou na oposición, malia perder representación
O BNG-Asembleas Abertas do Porriño considera que o resultado electoral está lonxe do esperado pola candidatura nacionalista, aínda que recorda que o seu proxecto político segue vixente. O BNG seguirá traballando, sexa desde as institucións ou na oposición, para que o seu programa de transformación para o concello teña presenza.
A candidatura nacionalista agradece a todas as veciñas e veciños do Porriño que mantiveron a súa confianza, e valoraron o cambio feito polo Bloque Nacionalista Galego durante a súa etapa de goberno, máis alá de nomes propios. “Poden estar seguros de que o BNG se manterá firme na súa aposta. Temos proxecto e equipo para seguir mudando O Porriño”, asegurou ao respecto o cabeza de lista, Pedro Pereira.
O BNG estima positivo que o PP perdera a maioría absoluta, nun escenario político que se presenta moi aberto. Sobre posíbeis pactos, as decisións serán debatidas e consensuadas pola militancia, para determinar que papel xogará o BNG nos próximos catro anos. Sexa desde as institucións ou desde a oposición, o grupo nacionalista demostrou a súa capacidade de xestión alternativa e a súa competencia como axente fiscalizador das irregularidades que marcaron a pasada lexislatura.
Os nacionalistas queren recoñecer ademais a labor feita por decenas de militantes e simpatizantes durante a campaña. Chama a todas a seguir traballando para recuperar o proxecto de transformación do Porriño.