Sabela Landín 02/02/2023

Desamparo do Concello e represalias pola empresa que incumpre o contrato

Onte reuníronse unha representación das traballadoras e ARALIA, empresa de Valladolid adxudicataria do Servizo de Atención no Fogar. Ante a reclamación dos seus dereitos e por telo feito directamente hai dúas semanas ante o alcalde, a empresa toma represalias e segue a incumprir o contrato ao non dotar de medios á plantilla.

As traballadoras, que dende o 1 de xaneiro están sen roupa, só dispoñen dunha bata. A resposta da empresa é que así seguirán ata que lles entreguen os uniformes (sen data), tampouco teñen luvas axeitadas nin partes de traballo e as nóminas non están claras.

Segundo nos traslada a presidenta do comité de empresa, a dirección está molesta polas súas demandas e por reunirse co alcalde e ter presentado un escrito no Concello no que comunican a súa situación.

Dende EU SON manifestamos, unha vez máis, o noso rexeitamento tanto á xestión dun servizo fundamental como é o da atención á dependencia, como ao trato ás traballadoras. A anterior empresa renunciou porque non lle era rentable e esta incumpre dende o primeiro momento.

EU SON – Esquerda Unida vén reclamando en solitario a remunicipalización de todos os servizos, e especialmente este, ao longo de dúas lexislaturas. A xestión ten que ser directa para mellorar a atención prestada e garantir unhas condicións laborais dignas para as traballadoras. Pode e debe facerse. O Concello, co alcalde á cabeza, está a fuxir das súas responsabilidades.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad