Sthela Táboas 23/11/2022

O PIE de Salceda impartíu un total de 1.025 h de formación nos eidos sociosanitario, alimentario, automoción e xestión de almacén e stocks

O Programa Integrado de Emprego –PIE- de Salceda de Caselas, impartido no CDL de O Torrón, remataba nun acto que contou coa presenza da alcaldesa e concelleira de Emprego, Verónica Tourón, e a directora do PIE, Olga Carril Rial.

No transcurso do mesmo, o poñente Pedro Rodríguez impartíu unha charla titulada “Motivación e Habilidades para Buscar Traballo hoxe”, na que se tratou de motivar e transmitir as claves para que as persoas asistentes afronten a situación do desemprego,  rematando con éxito a súa procura de emprego dentro do mercado laboral.

O Programa Integrado de Emprego de Salceda impartíu un total de 1.025 h de formación ás persoas que participaron nos diferentes itinerarios e acción formativas postos á súa disposición,  en diferentes eidos como o sociosanitario, o alimentario, ou relacionada co sector da automoción e coa xestión de almacén e stocks.

Igualmente todas as persoas recibiron unha formación de tipo transversal dirixida a mellorar as súas habilidades sociolaborais de cara a desenvolverse dunha forma máis axeitada durante o seu proceso de procura de emprego e en materia de fomento e sensibilización da igualdade entre mulleres e homes.

As persoas participantes no programa realizaron prácticas profesionais non laborais en empresas de sectores como o Loxístico, Metalúrxico, Alimentario e de Servizos (atención sociosanitaria, atención ao público, informático, textil, ferreterías e gasolineiras).

No tocante ao ámbito de actuación territorial relacionado coa prospección laboral realizada polo equipo técnico do Programa, desenvolvéronse actividades de intermediación laboral na contorna das áreas industriais de Salceda de Caselas, como os polígonos da Granxa, As Gándaras, A Veigadaña, o polígono de Tui ou a área industrial local do Cerquido, así como no concello de Salvaterra de Miño e os concellos portugueses próximos de Monçao, Vilanova de Cerveira e Valença.

Os datos destas accións de intermediación tradúcense no contacto con 162 empresas e a tramitación de 47 ofertas de emprego, ás que se enviaron as persoas candidatas para que puideran optar a diferentes postos de traballo. Dende a Concellería de Emprego quíxose agradecer de forma especial á constante colaboración e implicación das empresas do tecido empresarial local e comarcal, en relación co desenvolvemento do Programa Integrado do Concello.

A alcaldesa e concelleira de Emprego, Verónica Tourón, rematou salientando que “o PIE supón unha ferramenta excelente para o concello de Salceda porque mellorou a capacidade de inserción das persoas participantes. En primeiro lugar porque se lles orientou e dirixiu a través de itinerarios formativos, para que puideran especializarse profesionalmente; e en segundo lugar porque se puxo á súa disposición a oportunidade de facer prácticas en empresas o que, sen dúbida algunha, abriulles moitas portas directas para que tiveran a oportunidade de ser contratados nas mesmas ou melloraran o seu currículum e experiencia laboral”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad