Sabela Landín 24/10/2022

A execución do proxecto comeza o luns e conlevará restricións de tráfico na zona

O próximo luns, 24 de outubro, comezan as obras de execución do proxecto de humanización das rúas Antero Rubín e Coengo Valiño, tras as catas arqueolóxicas realizadas ao longo das últimas semanas. A actuación prevista comprenderá dende a intersección entre Antero Rubín e a rúa Bispo Lago até Coengo Valiño coa súa travesía, ao longo de 300 metros e cunha superficie de actuación de case 2.500 metros cadrados. O investimento previsto ascende a case 900 mil euros e o prazo de execución será de 7 meses.

Previo ao inicio dos traballos onte estiveron na zona da obra o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, xunto a técnicos municipais, o director de obra e técnicos da empresa adxudicataria. 

O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou que dende o goberno municipal priorizaron esta obra tendo en conta que da acceso ao conxunto histórico da cidade.  Ante as restricións do tráfico que haberá dende o próximo luns o rexedor tudense pedía á veciñanza, especialmente á que vive nesa rúa, comprensión “estamos traballando para mellorar a habitalibilidade da mesma”, polo que recomendaba evitar circular pola zona se non é preciso.

Esta vía de acceso ao conxunto histórico e en pleno Camiño de Santiago na actualidade mantén un carácter urbano coa circulación rodada coma prioritaria. Tras as obras pasará a ter prioridade peonil. A velocidade limitarase a 10 km/h, e colocarase un sistema semafórico intelixente para o control da direccionalidade do tráfico.

Coa execución do proxecto de humanización aumentarase a superficie peonalizada en algo máis de 1.300 m2, o que supón o 85% do entorno. Así a proposta a executar plantexa un espazo para as persoas transformando o ámbito de actuación e do seu entorno cunha calzada en materiais tradicionais con plataforma única, eliminando as barreiras de accesibilidade ou mobilidade, creando zonas verdes de descanso e convivencia, que se dotarán de iluminación sostible e segura

Tamén se contempla a renovación de servizos, en concreto das canalizacións tanto da rede de abastecemento coma de saneamento separando as augas fecais e pluviais, e soterrando as instalacións aéreas doutros servizos.

O proxecto de humanización da rúa Antero Rubín e Coengo Valiño segue os principios da Rede Ágora: o espazo público é un dereito, as persoas primeiro, mobilidade inclusiva, autonomía infantil, mobilidades alternativas, espazos seguros, hábitat saudable, espazos amables e de calidade, actividade económica de proximidade e mobilidade sostible.

Restricións no tráfico

Debido ao inicio das obras de humanización a partir do próximo luns non se poderá estacionar na rúa Antero Rubín. A veciñanza desta zona deberá empregar coma punto alternativo para estacionar as prazas de aparcamentos situadas no inicio do Paseo Fluvial, ou o aparcamento habilitado nas antigas pistas deportivas do seminario.

Amais dende o luns non se poderá acceder á rúa nova dende a rúa Antero Rubín, e dende a Baixada ao Embarcadoiro, polo que os vehículos deberán saír desta zona por Coengo Valiño e Calzada cara á avenida da Concordia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad