Sabela Landín 24/10/2022

A candidata socialista reivindica o seu apego ao municipio: “Eu vivo aquí, como aquí, durmo aquí e esperto aquí tódolos días”

Carmela Silva: “Mos precisa dun cambio radical; dun Concello ambicioso, como son os que gobernamos as e os socialistas”

David Regades: “Hai tres anos e medio quedamos a menos de 100 votos de arrebatarlle a maioría absoluta ao PP e hoxe nós estamos máis fortes e eles máis débiles”.

Victoria Alonso presentouse como candidata á Alcaldía de Mos polo PSdeG-PSOE nun concorrido acto celebrado no local social da Asociación de Veciños de Pereiras, arroupada por máis de 200 veciños e veciñas e compañeiros/as de partido, entre os que figuraban a presidenta do partido e da Deputación, Carmela Silva, e o secretario xeral provincial e delegado de Zona Franca, David Regades.

Alonso agradeceu a honra de repetir á fronte da candidatura catro anos despois, “máis madura, máis formada e menos nerviosa, pero exactamente co mesmo compromiso e a mesma enerxía que a que tiña aquela rapaza de 29 anos que deu o paso en 2019”. Nun ambiente entusiasta  explicou que leva catro anos loitando contra o caciquismo e as faltas de respecto dun Goberno local e unha alcaldesa que é preciso apartar. “Algún me dixo que a el vaille moi ben co caciquismo (ese é o nivel con Nidia Arévalo), pero mesmo esa xente, en canto o caciquismo deixe de existir en Mos para dar paso a un Concello igualitario, que trate a todo o mundo por igual, xa non vai querer outra cousa”. Neste senso definiu á actual alcaldesa como unha persoa sen proxecto, que pasa máis tempo tratando de desprestixiar á oposición ou facendo de “representante da Xunta” que de gobernar o seu pobo.

Victoria Alonso recalcou que o cambio xa está en marcha e que será un orgullo dirixir, a partir do próximo mes de maio, unha Administración local que xestione correctamente, que atenda á veciñanza e lle dea respostas. “Eu quero un Concello que goberne como a Deputación”, recalcou a candidata que, ademais, agradeceu a Carmela Silva a oportunidade que lle deu cando a nomeou deputada provincial de Igualdade e Cultura, dúas áreas de máxima relevancia.

A cabeza de lista socialista por Mos prometeu traballar para desbloquear a materialización do centro urbano cunha nova Casa Consistorial, para que Mos deixe de ser un concello disperso, poñer en marcha o transporte publico para comunicar as parroquias e os concellos veciños, apostar polas enerxías renovables, por un rural de calidade e para dotar todo o territorio de banda ancha de Internet, “cousa que a alcaldesa ten en Vigo, onde ten a súa residencia, pero non as/os que vivimos aquí”. “Eu vivo aquí, como aquí, durmo aquí e esperto aquí tódolos días”, reivindicou.

Carmela Silva subliñou que Mos ten dereito a avanzar e a dar á xente os mesmos servizos, viva onde viva, “e iso é o que vai solucionar Victoria Alonso”. A presidenta provincial considerou como urxente relevar a un Goberno local que oculta as obras que fai a Deputación, a Administración que máis inviste en Mos e que financia todas as actuacións relevantes. Afirmou que mesmo se agocha o nome da Deputación nos carteis, como sucedeu co proxecto da senda de Pereiras. “Un Goberno local”, continuou, “que destrúe un monte para beneficiar a un rico e que non dubida en colaborar coa Xunta para que se agochen os informes de Patrimonio”.

Na mesma liña que Victoria Alonso, a presidenta Silva subliñou que un alcalde ou alcaldesa que non vive no seu pobo está desacreditado/a. “Como nos pode convencer unha alcaldesa como a actual de que Mos é un pobo con tódolos dereitos e servizos cando ela mesma non vive en Mos. Unha alcaldesa que, ademais, se enfronta a Vigo porque si, por partidismo, pero que resulta que vive en Vigo”.

Carmela Silva invitou á cidadanía de Mos a ser ambiciosa e a apostar polo cambio polo que apostaron outros municipios que hoxe teñen “proxectos ambiciosos en marcha da man de gobernos socialistas” e animou tamén a seguir a senda dunha Deputación “que en pouco máis de sete anos transformou a provincia; nós fixémolo en sete anos cando eles levaban gobernando dende 1812”, afirmou.

David Regades recordou que hai tres anos e medio as Eleccións Municipais resolvéronse por menos dun cento de votos. “Estivemos a piques de quitarlle a maioría absoluta ao PP, e hoxe eles están máis débiles e nós máis fortes”. Regades amosouse convencido de que Victoria Alonso, “unha muller forte e cada vez máis brillante”, devolverá á Alcaldía de Mos á veciñanza. O secretario xeral provincial abundou tamén en que o único avance que se detecta en Mos nos últimos anos é o que chegou da man da Deputación, onde Victoria Alonso converteuse nun referente á fronte das políticas de Igualdade e Cultura.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad