Os interesados poden solicitalos antes do 31 de outubro no Rexistro do Concello, ben de forma presencial ou a través da sede electrónica, co DNI e un recibo do lixo
A concellería de Medio Ambiente do Concello de Salceda, dirixida por Rubén González, ven de poñer en marcha o procedemento de entrega de composteiros individuais e cubos de 10 l a través das subvencións para o financiamento de actuacións, en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Esta entrega de composteiros individuais e cubos teñen como finalidade estender as prácticas de compostaxe comunitaria ás diferentes vivendas unifamiliares e vivendas do centro urbano do municipio, para acadar unha xestión máis sostible dos refugallos orgánicos.
As persoas interesadas na obtención dalgún dos composteiros ou dos cubos, deberán realizar a solicitude dos mesmos a través da sede electrónica ou dunha instancia xeral no Rexistro do Concello, aportando o DNI e un recibo do lixo. O prazo para solicitar os composteiros e cubos rematará o día 31 de outubro.
Os composteiros serán entregados por rigorosa orde de entrada no rexistro de cada unha das solicitudes. As persoas que se queden sen o seu composteiro ou cubo nesta convocatoria, serán incluídas nunha lista de agarda para outras posibles entregas que se poidan realizar polo Concello.
O concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Rubén González Coto, manifestou que “esta entrega de composteiros individualizados e cubos supón dar un paso moi importante para estandarizar no noso concello a compostaxe comunitaria, como fórmula para o tratamento sostible dos refugallos orgánicos”.
Pola súa banda, a alcaldesa Verónica Tourón Domínguez engadiu que “non só é importante concienciar a veciñanza do noso concello de que o reciclaxe, é necesario para poder tratar a gran cantidade de refugallos que xeramos diariamente; senón que dende a administración pública, temos que proporcionar información e por a disposición da cidadanía as ferramentas para que a leven a cabo da maneira máis sostible posible”.