Sthela Táboas 27/09/2022

Reclama retomar as negociacións iniciadas con Coren cando gobernaban no Porriño

Desde o BNG entenden que “chegou o momento de asumir a necesidade real do traslado do matadoiro”, pois aínda que “o debate sobre os cheiros está superado, está ben esixirlle á empresa que minimice o impacto da súa presenza no centro urbano”.

Tras visitar as instalacións e trasladarlle á dirección local de Coren o malestar da Corporación, o BNG reclama ao goberno local “unha reunión dos grupos municipais co presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez Franqueira, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, para iniciar as negociacións que faciliten o traslado”. Desde o Bloque “pedimos que tamén representantes do Comité de Empresa participen do proceso. Temos que colaborar todos e todas, administracións, partidos e axentes sociais, e procurar que o traslado non afecte ao mantemento dos postos de traballo”.

“Cando o BNG gobernaba no Porriño e xestionaba a área de Industria do goberno bipartito na Xunta, iniciáronse conversas coa empresa, que mesmo chegou a adquirir terreos que facían pensar nun novo emprazamento. Estas negociacións foron paralizadas coa chegada do PP á Xunta e ao Concello” afirman dende a agrupación nacionalista.

“No Bloque defendemos a recuperación integral do río Louro para a xente, que non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. Chegou o momento de afrontar un debate de tanta importancia para o futuro do Porriño. O desenvolvemento urbanístico da nosa vila e a súa comunicación con Torneiros non poden estar condicionados por unha localización que a día hoxe non atende a ningún criterio lóxico. Nin desde o punto de vista medio ambiental nin pola súa proximidade coas vivendas do casco urbano” finalizan dende o BNG.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad