Enrique Cabaleiro, acompañado do equipo de goberno, dos técnicos do equipo de redacción e de expertos urbanistas adiantará as liñas de acción da estratexia de crecemento da Axenda Urbana
Este venres día 9 ás 12.00 h, na Sala de Exposicións do edificio Francisco Sánchez -antiga Área Panorámica- o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentará a Axenda Urbana de Tui nun especial radiofónico aberto ao público.
As persoas que o desexen poderán asistir a este encontro radiofónico -confirmando asistencia no enderezo electrónico tui@axendaurbana.gal ou deixando un whatsapp no teléfono 606 810 518-, no que o alcalde adiantará as liñas de acción da Axenda Urbana acompañado do equipo de goberno, do urbanista e planificador de estratexias, responsable da diagnose, Luciano Alfaya; o arquitecto e mestre de proxecto na ETSA de A Coruña, Jesús Irisarri; a arquitecta técnica responsable do ARI de Tui, María Ferreirós; a mestra de Urbanismo na Politécnica de Madrid e redactora do contido da Axenda Urbana Española, Sonia Hernández; a mestra de urbanismo en Barcelona, experta en medioambiente e transformacións verdes, coautora da proposta gañadora para o fronte fluvial de Tui, Miriam García; e o economista e redactor do Plan de Acción de Tui, Antonio Paz.
Neste espazo a través das ondas da Radio Municipal de Tui o alcalde trasladará á cidadanía os tres grandes retos da estratexia de crecemento dos vindeiros dez anos.
A Axenda Urbana de Tui está financiada cos fondos europeos Next Generation e conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/
Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiamento para redactar a súa Axenda Urbana.
Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).
Dos 8.131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.