Empresa e comité pactaron unha suba de soldos total superior ao 9% nos catro anos de vixencia do convenio
O cadro de persoal de Nueva Pescanova ratificou este domingo en asemblea o preacordo sobre a suba salarial, que a dirección e o comité pactaran o pasado 24 de xaneiro e que establece un incremento total dun 9%, nos catro anos de vixencia do convenio. A partir de agora cada centro de traballo da compañía de alimentación, deberá aprobar en asemblea os seus convenios colectivos.
A práctica totalidade das persoas que participaron na asemblea, celebrada este domingo no centro sociocultural de Valadares, votou a favor do acordo en materia salarial que a empresa e a representación sindical lograron perfilar o pasado día 24, tras máis de 12 h de negociación, o que permitíu suspender os paros convocados para os días 28, 29 e 30.
En virtude do pactado a compañía terá que pagar un 2,5% de atrasos por todo o ano 2021, e unha vez aplicada esa suba ten que sumar o 2,5% do ano 2022; polo que que as táboas do 2022 serán un 5% superiores ás actuais. A maiores, Pescanova aboará unha paga única de 350 € a todo o cadro de persoal, independentemente da súa xornada laboral.
Deste xeito, a suba directa total para os catro anos de duración do convenio supera o 9%; en 2021 será do 2,5%; en 2022 do 2,5%; en 2023 do 2%; e en 2024 do 2%. Se a suma dos aumentos de 2022, 2023 e 2024 fose inferior á suma dos IPC deses mesmos anos pagarase o 75% de esa diferenza. Ademais, o pago de atrasos e a actualización das táboas salariais do ano 2024 terá lugar a principios do ano 2025.
Dende a representación sindical inciden en que estas melloras salariais non foron doadas de conseguir, “e lográronse grazas á unidade de todas as persoas traballadoras, así como dos sindicatos e das delegad@s dos diferentes comités do grupo Pescanova”. Agora só queda que cada ún dos centros de traballo do grupo Nueva Pescanova aprobe en asemblea os convenios colectivos.