Pese aos intentos da alcaldesa de interferir na licitación, a xustiza desbloquea a recollida do lixo
Os populares do Porriño mostraron hoxe a súa satisfacción pola resolución do Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL), que desbloquea a licitación do servizo de recollida do lixo, ao desestimar o recurso presentado por unha das empresas que optaban á adxudicación.
O voceiro popular, Alejandro Lorenzo, celebrou que “pese aos intentos de Eva García de la Torre de paralizar esta licitación e o trato de favor que a todas luces dispensou á empresa que reclamaba, o Tribunal de contratación levanta a suspensión e o contrato será asinado á adxudicataria Servizos dos Concellos Galegos”.
Os populares denunciaron recentemente “o trato de favor que dende a Alcaldía e a Concellería de Limpeza se concedeu a esta empresa, a cal garda relación con membros do goberno municipal e que, nos últimos 2 anos, facturou ao Concello do Porriño máis de 3 millóns de euros en contratos ‘a dedo’ e cos correspondentes reparos de intervención”. Pois “para que se admitira este recurso que paralizaba a licitación, a rexedora vaciou de competencias o Pleno e elaborou ela mesma un informe xurídico; cando en casos idénticos a aprobación levouse a Pleno e informou ao técnico municipal ou o asesor xurídico externo”, lembra Lorenzo que “a intención de favorecer a unha das empresas é clara”.
O voceiro do PP lamentou as declaracions da alcaldesa “celebrando” a desestimación do recurso, xa que “demostran unha vez máis a hipocresía de Eva García de la Torre e do seu goberno municipal, dispostos a seguir enganando á veciñanza e confundir á xente para ocultar a mala fe que, lamentablemente, define a súa xestión” sentenciou Lorenzo, pedindo ao equipo de goberno “que dunha vez por todas sexan honestos cos veciños e veciñas do Porriño”.
Neste sentido, Lorenzo referiuse tamén á “torticeira e interesada interpretación que a alcaldesa trasladou hoxe aos medios sobre a resolución do Tribunal de Contas do Reino. O descaro e a impunidade coa que minte á veciñanza evidencia non só a súa mala intención, tamén a súa falta de implicación co pobo ao que di representar”, sentenza o voceiro. ”En ningún caso o auto di que non se causaran danos ao Concello nin que o seu proceder pase só por incorreccións administrativas”.
Remata Lorenzo que “lonxe do que Eva García quere facer crer aos veciños, o que recolle o auto é que se debería engadir un informe ou tasación que demostre o menoscabo ou delito contable, xa que ca documentación obrante nos autos, non permite concluir que os servizos encargados polo Concello non se prestaran; algo que o Tribunal de Contas non analiza nin investiga no eido das súas competencias, algo que xa se investiga no xulgado do Penal no Porriño, onde se está a instruir a causa e onde a rexedora deberá rendir contas”.