O can, de 10 anos, viaxou ao seu novo destino en Barro e súmase a “Macarena”, “Adia” e Paradita”, todas de oito anos, que tamén atoparon novo fogar.
O reto que lanzou a finais do mes de maio a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para atopar un fogar ás tres avoas e ao avó do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) cumpriuse este pasado luns coa saída de “Pitu”, o último dos animais máis veteranos que quedaba nas instalacións provinciais da Armenteira.
“Pitu”, que ten 10 anos e fora recollido en marzo deste ano en Catoira, foise o pasado luns 23 cara o seu novo fogar en Barro. Únese así ás cadelas para as que Carmela Silva tamén pedira a adopción, tendo en conta o feito de que a súa idade é, a priori, un hándicap maior para conseguir un fogar. Eran os casos de “Macarena”, de 8 anos de idade e de raza mastín, que chegou de Pontecesures en marzo e se recuperou no centro dun gran corte na cara antes de partir en xuño ao concello de Barro; de “Adia”, unha pastora alemá da mesma idade procedente das Neves que atopou fogar no pasado mes de xullo en Padrón, e “Paradita”, de 8 anos, recollida en febreiro en Meaño, que saíu en xuño para Pontevedra.
Son xa 469 os animais do centro que lograron a adopción no que vai de 2021, unha cifra que supera aos rexistros de todo o ano 2019 (466) e que tamén representa un incremento substancial sobre as cifras parciais de 2020. O ritmo de adopcións neste 2021 é tan elevado que o CAAN xa está preto de superar o récord anual de adopcións, correspondente precisamente ao ano pasado, con 583 animais. Desde 2015 o Centro de Protección da Deputación procurou un fogar a un total de 3.015 cans e cadelas.