É unha adaptación do popular Trivial que se disputará por parellas cunha idade mínima de participación de 16 anos e que xa conta con 1.500 preguntas sobre historia, xeografía, ciencia e natureza, arte e literatura, deportes e ocio do Porriño
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira, presentou esta mañán na Bilioteca Municipal o “Trivium Porriño”, que se desenvolverá durante as Festas do Cristo.
Trátase dun xogo xigante similar ao “Trivial” pero personalizado na nosa vila, para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre O Porriño. “A infografía do xogo vai centrada no Pan do Porriño e na súa receita, como referencia á nova meta acadada coa concesión da Marca Protexida Pan do Porriño”, sinalou Cami Moreira.
Xogarase durante os días 19, 24 e 25 de setembro (datas de clasificación) e o 2 de outubro será a partida final. En todas as quendas, as partidas serán na Praza do Cristo onde se habilitará un esceario e cadeiras para o público que queira asistir.
Os equipos estarán formados por dúas persoas. Os premios, que serán de consumo no comercio e na hostalería locais, son de 300 € para a parella gañadora, 200 € para segunda e 100 € para a terceira.
Competirán 16 parellas que serán elixidas mediante un vídeo pequeno de 30 segundos como máximo, contando o por qué do seu interese en participar no “Trivium” e que deberán subir ás súas redes sociais de Facebook e Instagram etiquetando co hadstag #TriviumPorriño e etiquetar a páxina de Facebook Trivium Porriño ou do perfil de Instagram @triviumporriño.
A concelleira de Festexos e Cultura apelou a que esta convocatoria “é unha excelente oportunidade para formar parellas interxeneracionais entre avós e netos -idade mínima de participación 16 anos- por exemplo, que combinen os seus coñecementos da historia, cultura e demais eidos da vida porriñesa, coa habilidade para manexarse nas redes sociais”.
As parellas seleccionadas serán as que teñan máis me gustas nos seus vídeos cando se faga o reconto, que será o 14 de setembro ás 15:00 h. “A partires de hoxe mesmo, 20 de agosto, poden inscribirse subindo os vídeos ás súas redes sociais, etiquetando para acadar o maior número posible de likes”, manifestou o responsable de “Especialistas Hípica Celta”, Joaquín Rodríguez. Esta empresa colabora coa Concellería de Festexos o desenvolvemento desta nova iniciativa, xunto coa Oficina Municipal de Información á Xuventude, OMIX do Porriño.
Segundo explicaron hai preparadas 1.500 preguntas sobre O Porriño relativas á historia, xeografía, ciencia e natureza, arte e literatura, deportes e ocio.