Nesta ocasión trátase dunha causa xudicial emprendida polo voceiro municipal do PP pola compra dos locais a “Promocións Guanabara”
A Audiencia Provincial de Pontevedra arquivou a causa xudicial emprendida polo voceiro municipal do Partido Popular, Alejandro Lorenzo, por suposta Prevaricación Administrativa contra a alcaldesa e o Goberno municipal de O Porriño.
O feito denunciado foi a compra dos locais a “Promocións Guanabara” que realizou o Concello do Porriño, para acomodar unha aula asociada da UNED e outros servizos municipais.
A resolución da Sala II da Audiencia Provincial confirma o primeiro sobreseemento e arquivo da denuncia que xa decidiu en febreiro deste ano o Xulgado de Instrucción nº 2 de O Porriño. E concorda tamén coa posición da Fiscalía que tamén pediu o seu arquivo.
Agora a sentenza da Audiencia Provincial confirma de xeito definitivo a resolución previa do Xulgado de Instrucción, que xa concluíu que no procedemento para o alugueiro e posterior compra dos locais se axustara á normativa e aos prezos de mercado, coa emisión dos informes técnicos municipais favorables. Así mesmo, o tribunal asume que “por ningures quedara constancia de que os devanditos alugueiros e compras fosen innecesarios ou estivesen orientados a beneficiar a terceiras persoas, xa que todos os locais están ben preto do Concello do Porriño e resultaban idóneos para as súas finalidades”.
Remata a resolución da Audiencia sinalando que “a circunstancia de que, se os alugueiros se iniciaron en xullo de 2017 e en marzo de 2018 os resolveron de mutuo acordo o Concello do Porriño e a empresa ‘Guanabara’, puidese resultar estrano que esta última, aínda así, reclamase os alugueiros daquel período podera ser discutible todo o que se queira, máis, precisamente por isto e en ausencia doutros aspectos, exclúe o presunto delito de Prevaricación Administrativa que se pretendía”.
A sentenza da Audiencia Provincial notificada esta fin de semana, chega xusto despois de que o Partido Popular puxera en cuestión a honorabilidade da Alcaldesa Eva García por esas operacións inmobiliarias do Concello coa mercantil “Guanabara” e das acusacións verquidas polo seu voceiro no Pleno Extraordinario que se celebrou o pasado mércores, a instancias do grupo municipal do PP.
A alcaldesa valorou esta resolución xudicial “con gran satisfacción porque as cousas van poñéndose no seu sitio” e “trátase da segunda decisión xudicial nunha semana que remata denuncias feitas polo PP basadas en insidias e calumnias verquidas contra mín acusándome da comisión dun sinfín de delitos”.
“Agardo que cedo vexamos algunha resolución xudicial semellante no que atinxe a a causa principal (desbroces), que chegue á mesma conclusión que esta sentenza da Audiencia Provincial e a anterior do Tribunal de Contas do Reino, e polo tanto poidamos sair airosos de tantas insidias”, valorou García de la Torre.