Redacción 03/02/2021

O Concello destaca un concurso de disfraces entre todas as actividades e iniciativas que se desenvolverán ata o día 17 de febreiro.

 

O Concello de Mos presentou onte a programación do Entroido 2021 que, por mor da crise sanitaria da COVID-19, será celebrado exclusivamente en liña co lema ‘Entroido na casa. O mellor Entroido de Mos está na túa casa’. 

O “prato forte” deste programa de actos e actividades, informa o Concello, será o I Concurso de Disfraces de Entroido On Line 2021 do Concello de Mos. Os interesados en participar xa poden enviar as fotografías dos seus disfraces ao correo electrónico entroido@concellomos.es e teñen de prazo para facelo ata a medianoite do 12 ao 13 de febreiro. Os participantes do concurso deberán poñer no correo electrónico os seus datos: nome, apelidos, dirección postal e un teléfono de contacto. 

Este concurso de disfraces vai dirixido a todas as idades e poden participar nenos, adultos e familias-conviventes. A categoría de participación é única e os premios aos que se optan son tres por cantidades económicas diferentes a canxear en establecementos non esencias do Concello de Mos, como librerías, tendas de roupa, hostalería, perruquerías, centros de estética, florerías, etc. O primeiro premio está dotado de 200 euros, o segundo de 150 euros e o terceiro de 100 euros. A elección das persoas gañadoras farase mediante a votación da poboación xeral e un xurado que se encargará de elixir as fotografías dos gañadores. Os criterios a ter en conta son a orixinalidade, a posta en escea, o que transmite a escenografía, etc. 

As fotografías publicaranse na páxina de Facebook do Concello de Mos o domingo 14 de febreiro. O prazo de votación comezará o mesmo día da publicación das fotos nas redes sociais e poderase dar “Gústame” na rede social ao longo dos días 14, 15 e 16 de febreiro. Ás 00:00 h do dia 17, tomarase nota do número de “Gústame” que ten cada foto. As 10 con máis “Gústame” pasarán a ser supervisadas polo xurado composto pola concelleira de Cultura, un funcionario do departamento de Participación Cidadá, un profesional da fotografía, un profesional da artesanía e a moda, un profesional da estética e o maquillaxe e dous profesionais do mundo do espectáculo. Os gañadores daranse a coñecer o mércores 17 de febreiro pola tarde nunha publicación na páxina web do Concello, e no Facebook do Concello e da Omix. 

O resto da programación incluirá desde obradoiros de cociña típica de Entroido, ata retos na rede social Tik Tok, obradoiros infantís de manualidades, xadrez, lóxica e pintacaras… etc. Para a realización dos talleres de pintura de caras cóntase coa colaboración do Ciclo Superior de Educación Infantil do Colexio Lar, que fará o vídeo das maquillaxes. 

O programa de actividades comezará o sábado 13 de febreiro ás 11.00 horas con obradoiros de cociña e a elaboración da receita do lacón con grelos, pola tarde ás 17.00 horas tocaralle o turno ás emblemáticas orellas de Entroido. Xa ao día seguinte, domingo día 14, continuarán os talleres gastronómicos coa publicación da receita do cocido ás 10.00 horas da mañá e das filloas ás 17.00 horas da tarde. A continuación, ás 18.00 horas, realizarase o Desfile Virtual de Entroido coa publicación das fotografías presentadas ao concurso de disfraces.

O luns 15 de febreiro ás 10.00 horas terá lugar o primeiro Reto tiktoker: Eu podo……e ti?. Ás 11.00 horas pintacaras a cargo do Colexio Lar (Pirata e cervo). Ás 12.00 horas obradoiros na casa: manualidades, xadrez, máscaras para imprimir e colorear. E ás 13.00 horas elaboramos o noso disfrace.

O martes 16 de febreiro ás 10.00 horas, segundo Reto tiktoker: Eu podo……e ti?. Ás 11.00 horas pintacaras a cargo do Colexio Lar (Maruxiña). Ás 12.00 horas elaboramos o noso disfrace. E ás 13.00 horas obradoiros na casa: manualidades, xadrez, Quiz Entroido polo mundo.

E por último, o mércores 17 de febreiro, ás 10.00 horas farase o terceiro reto tiktoker: Eu podo……e ti?. Ás 11.00 horas pintacaras a cargo do Colexio Lar (Calavera Mexicana – Tigre). Ás 12.00 horas, obradoiros na casa: manualidades, xadrez, e vídeo realizado polos nenos/nenas do Club Xadrez Mos. Ás 13.00 horas elaboramos o noso disfrace. E rematarase a programación ás 18.00 horas co fallo dos gañadores do concurso de disfraces on line.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad