Deste xeito completa xunto á vela e o fútbol “a tríade rexia das federacións deportivas galegas”
Lete Lasa expuxo os motivos que fan á Federación Galega de Motonáutica acredora deste título que a cualifica como “magnífica e grandiosa”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do título de Real concedido á Federación Galega de Motonáutica e que foi celebrada na Casa do Deporte de Vigo. Nas verbas do mandatario galego, “que unha federación galega ostente o título de real, é unha noticia marabillosa e que fala do ben que está a facer as cousas o deporte galego, máxime en tempos de pandemia”.
A Real Federación Galega de Motonáutica, dixo Lete Lasa, “vén completar a tríade rexia das federacións deportivas galegas que se completa coa de vela e a de fútbol”, un recoñecemento acadado despois que a finais do 2019 deran comezo uns trámites apoiados en todo momento pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e que remataron o pasado 25 de novembro cando José Fernández Prado, presidente da Federación Galega de Motonáutica, recibía a concesión, por parte de S.M. O Rei, do título de real.
O responsable da carteira autonómica de Deporte, acudiu ao dicionario para amosar que realeza tamén significa “magnificencia, grandiosidade propia dun rei” e a continuación expuxo os motivos que fan á Federación Galega de Motonáutica acredora deste título que a cualifica como “magnífica e grandiosa”. “O seu traballo na organización de eventos nacionais e internacionais de destacada relevancia como o pasado Europeo de Endurance en Sanxenxo, os méritos logrados polos deportistas galegos nos últimos anos, o traballo en prol do deporte adaptado e no ámbito da muller ou a defensa e coidado do medio ambiente son algúns deles”, enumerou.
Cara a fin do seu discurso, Lete Lasa asegurou que a Real Federación Galega de Motonáutica “seguirá traballando en proxectos tan ilusionantes como o Mundial de Endurance que, se todo vai ben, gozaremos en 2021 en Baiona”.