Redacción 24/04/2020

Abordará modificacións orzamentarias para apoiar a economía local

 

 

Hoxe cursouse a convocatoria do Comité Municipal de Seguimento do “Covid-19” que vai celebrar reunión presencial, o vindeiro luns  27 ás 12.30 h, no salón de plenos do Concello do Porriño.

A orde do dia establece 3 asuntos, nos que primeiramente o goberno municipal dará conta das medidas que está a levar a cabo nos diversos eidos para combatir a pandemia e apoiar a economía local. En segundo lugar, a Comisión tratará das propostas que os grupos políticos da Corporación fagan; e o derradeiro punto serán rogos e preguntas.

Nesta reunión, a alcaldesa levará a proposta de acordar unha modificación orzamentaria. Segundo anunciou o pasado mércores Eva García, consiste “en destinar achegas e partidas orzamentarias que non se empregarán, por exemplo, en eventos deportivos ou festivos, para manter as axudas por emerxencia social nos colectivos máis castigados polo confinamento, e tamén, empregar eses cartos en inxectar liquidez na economía local, pequeno comercio e hostalaría especialmente, para axudarlles a remontar a crise”, segundo manifestou.

Os acordos aos que se chegue serán trasladados a un pleno da corporación municipal. A alcaldesa poñerá en común, cos voceiros dos grupos políticos, a data e o xeito de celebrar esa vindeira sesión plenaria.

Este Comité, presidido pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, está formado polo primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira; segunda tenente de alcalde e concelleira de Seguridade e Persoal, Lourdes Moure; concelleiro de Limpeza, Medio Ambiente e Tráfico, Sergio Casal; concelleira de Igualdade e Xuventude, Cami Moreira; Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez; e o responsable da agrupación de Protección Civil, Jesús Gónzalez Pexegueiro “Carrola”. Tamén forman parte os voceiros dos grupos municipais da Corporación, un representante dos traballadores do Concello e un representante do persoal sanitario do Centro de Saúde.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad