Será o sábado 15 de abril a cargo da psicóloga e escritora Marlene Horna e require inscrición previa
A concellería de Educación do Concello de Mos ten en marcha unha charla para familias sobre o espectro autista, que se vai celebrar o vindeiro sábado 15 de abril, en horario de 10.00 a 14.00 h.
Impartirase nas instalacións da Axencia de Colocación do Concello de Mos, da man de Marlene Horna, psicóloga que dende fai máis de dúas décadas traballa apoiando a persoas no espectro do autismo e ás súas familias.
Marlene Horna é ademáis a autora do libro “Nenos e nenas no espectro do autismo, comprensión e estratexias prácticas de apoio educativo”. Nesta obra a psicóloga abarca, cunha visión proactiva, positiva e optimista, a comprensión e apoio ás persoas en todo o amplo espectro do autismo baixo un enfoque práctico.
Coa formación organizada en Mos para as familias, búscase por en marcha os apoios necesarios que promovan o desenvolvemento persoal dos menores, co fin de que desfruten do seu dereito a unha vida plena, digna e feliz, participando e contribuíndo na comunidade.
As persoas interesadas en participar nesta charla formativa deberán inscribirse previamente no teléfono 986 339 404,ou enviando un e-mail cos seus datos a educa@concellomos.es