Sabela Landín 01/04/2023

A conferencia, que encheu de motivación e optimismo aos asistentes, foi organizada polo Concello de Mos en colaboración coa Xunta de Galicia

Máis de 300 empresarios, emprendores e traballadores de Mos e a súa área asistiron onte á conferencia de Emilio Duró no Centro Dotacional de Torroso. Organizada polo Concello de Mos, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través do Igape, o relatorio foi unha oportunidade única para encher de optimismo aos que tiveron a oportunidade de escoitalo. Co seu habitual toque de humor, o consultor empresarial indicou que “o éxito empresarial e o rendemento no traballo teñen moito que ver co estado de ánimo de cada un e o xeito de enfrontar os retos laborais. Por iso, debemos de encarar a vida e a nosa contorna laboral sempre con optimismo e empatía”.

Duró foi presentado no acto pola alcaldesa Nidia Arévalo, que destacou del a súa capacidade para transmitir e a súa traxectoria profesional como consultor empresarial e comunicador. “Os empresarios e emprendedores de Mos, que son moitos, merecen ter a oportunidade de escoitar e aprender de persoas da altura de Emilio Duró; para nós é unha honra contar hoxe con el aquí”, afirmou a alcaldesa.  

Por parte da Xunta de Galicia, o director do Igape, Fernando Guldrís, agradeceu ao Concello de Mos a organización do evento e destacou a importancia deste tipo de iniciativas motivadoras que, nun contexto como o actual, “axúdannos, tanto ás administracións como ás empresas, a mirar ao futuro con optimismo”.

Nado en Lleida en 1960, Emilió Duró é Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE). Empresario, desde hai máis de 30 anos traballa como consultor e asesor das primeiras empresas do país. Como formador, colabora como convidado e profesor asociado en Universidades e Escolas de Negocios nacionais e internacionais, sendo amplamente recoñecido polas súas ponencias dirixidas ao sector empresarial. Colabora tamén con diferentes medios de comunicación.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad