Sthela Táboas 15/03/2023

17 autores do Porriño presentarán os seus libros nestas xornadas que se levarán a cabo os días 21, 22, 23 e 24 de marzo no Centro Cultural Municipal e contarán coa presencia de reputados nomes do panorama literario galego, como Ledicia Costas e Carlos Meixide

A Biblioteca do Porriño, xunto co Servizo de Normalización Lingüística, organizan as xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro” que se celebrarán no Centro Cultural Municipal os días 21,22, 23 e 24 de marzo.

A programación dará comezo o martes 21, ás 18.00 h, cos relatorios “Plantar unha semente” a cargo da escritora Ledicia Costas; e “O camiño á persoa lectora. Clubs, libros e premios” con Ana Abad de Larriva, coordinadora do Club de Lectura do Concello do Porriño.

O mércores 22, á mesma hora, o director de edicións da Editorial Galaxia, Ledicia Costas e Diego Giráldez, protagonizarán o coloquio “Da idea á libraría. Que pasa no camiño”.

Tamén as 18.00 h, o xoves, o escritor Carlos Meixide falará sobre “A autoedición para quen a traballa”; e a técnica de normalización lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, conversará sobre as “Revisións lingüísticas. Oportunidades de edición”.

As xornadas rematarán o venres, a partir das 16.00 h, coa xornada de presentación de libros de autoras e autores locais “Eu vin aquí a falar do meu libro!”, na que 17 escritores e escritoras presentarán as súas últimas obras. Nesta xornada, que contará coa colaboración de Sandra Estévez, participarán Alfonso Ferreira Ramilo, Olga Alonso Alonso, Aitor Alonso Rodríguez, Tania Alonso, Sonia Blanco Sío, Ricardo Canosa Bastos, Luis Carlos Féliz Rivero, Begoña Yglesias Porta, César López Mougán, Brais Mariño Costas, Andrea Martínez Baladrón, Samuel Merino –Pompa&Boato-, F.J. Pampillón, Carmen Pereiro, Marta Puíme, Sandra Rodríguez Burgos e Beatriz Cabaleiro.

Ademais, a estas xornadas preceden uns obradoiros de creación literaria co escritor porriñés Diego Giráldez, que se están a desenvolver durante esta primeira quincena de mes.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad