Sabela Landín 10/03/2023

Tui reivindica o espazo das mulleres no acto central do 8M

O Concello de Tui reivindicou onte o espazo que corresponde ás mulleres na sociedade no acto central e institucional do 8M, Día Internacional das Mulleres. Foi no edificio da praza da Inmaculada ás 19:30 h. Seguindo co lema da campaña promovida polo Concello, “Ocupemos o noso lugar”, o acto estivo marcado pola defensa da presenza feminina en todos os espazos da sociedade.

A voz da cantante e compositora galega Su Garrido abriu o acto. De seguida, as artistas Ana Abad de Larriva e María Move interpretaban a acción artística “Muller auga”. Unha actuación que, segundo as palabras das propias artistas, pon en valor a figura da muller no traballo, na creación e no coidado, dende o plano cotián e mitolóxico.

A tudense Paula Montes, xornalista especializada na información deportiva, deu lectura ao manifesto. Nel, fixo fincapé na presenza das mulleres nese mundo do deporte que está ocupado maioritariamente por homes. Afirmaba ademais que “é necesario visibilizar o labor das mulleres que loitan cada día por facerse un oco, e tamén polas que nos precederon”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, incidiu na súa intervención no desenvolvemento de políticas sociais que avoguen polo feminismo. “Nun día como o de hoxe é tamén momento para comprometernos como representantes dos veciños e veciñas e trasladarlles o noso apoio en defensa das mulleres”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, defendeu o lema escollido este ano polo Concello de Tui, “Ocupemos o noso lugar”. Destacou ademais o espazo onde se celebrou onte o acto, que fora no pasado unha cárcere, “onde moitas mulleres foron represaliadas no 1936 e a elas tamén as conmemoramos hoxe”.

Concelleiros e concelleiras da corporación municipal, xunto a representantes de distintos colectivos, e cidadanía en xeral encheron o espazo onde se celebrou o acto sumándose así á conmemoración deste 8 de marzo.

A programación dedicada a este Día Internacional das Mulleres prosegue esta fin de semana. Este sábado, 11 de marzo, ás 12 h inaugurarase no Paseo da Corredoira a exposición “O esforzo in-visible” das deportistas tudenses Aida Valiño, Anita Rodríguez, Carmen González, Eva Mª Ara, Leticia Barbosa, Loli Pedrares, Marisa Giráldez, Nuria Domínguez, Sara Tui, Susana Fontán, e Tania Fernández. 

Ao día seguinte, o domingo 12, ás 11 h partirá dende a rúa Rosa Bahamonde o roteiro “Camiñando con elas”, no que nun percorrido dunha hora polo conxunto histórico, coñecerase a historia e a vida de dez mulleres tudenses: Antonia Saravia, Cándida Rodríguez, Clara Torres, Conchiña Concheiro, Evagelina Jaso, Josefa Correa, Mª Suárez Sarmiento, María Tydeska, Raíñas Dona Urraca, e Rosa Bahamonde. Participar é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.

Xa o luns, 13 de marzo, a escritora Marilar Aleixandre será a protagonista do encontro previsto entorno ao seu libro “As malas mulleres” ás 16.30 h no Teatro Municipal de Tui. Asistirá o alumnado de Bacharelato dos dous institutos tudenses nunha actividade aberta tamén á cidadanía en xeral. 

A programación completa, que remata o próximo 2 de abril, pode consultarse na páxina web tui.gal.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad