Sabela Landín 08/03/2023

COGAMI lanza nova reivindicación na campaña de sensibilización #SomosCOGAMI para visibilizar, cada un dos meses deste ano, as necesidades que presentan as persoas que forman parte do grupo social das persoas con discapacidade.

No mes de marzo o foco está nas nenas e mulleres con discapacidade, por ser un dos grupos de poboación que máis viven a discriminación social.

Segundo datos do censo de persoas con discapacidade en Galicia, o 51% son mulleres, sendo 2.640 nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos. Pese a ser maioría, son elas as que viven múltiple discriminación con respecto ao resto da poboación: por ser mulleres, por ter discapacidade e por vivir en zonas do rural, entre outras.

A pesar dos avances conseguidos en materia de dereitos nos últimos tempos, as nenas e mulleres con discapacidade enfróntanse continuamente a situacións de violencia, desigualdade, discriminación e prexuízos sociais contra elas. “Se unha persoa se atopa nunha situación de desvantaxe non podemos falar de igualdade”, apunta Mónica Álvarez, a presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), entidade que forma parte de COGAMI. Mónica engade que “nenas e mulleres con discapacidade enfróntanse diariamente a diferentes formas de discriminación que lles imposibilita o exercicio libre dos seus dereitos”.

A muller con discapacidade é máis vulnerable ante os abusos, como proba disto, unha enquisa realizada por ACADAR sobre a situación das mulleres con discapacidade no uso das TIC. Segundo datos extraídos, o 15,71% das mulleres enquisadas confirmaron ter vivido violencia na rede: o 44% recibiron comentarios ofensivos sobre o seu aspecto; a un 41% propuxéronlle ter relacións sexuais a través dunha mensaxe non desexada; o 34% recibiu fotografías ou vídeos de contido sexual a pesar de rexeitar estas ofertas e o 37% das mulleres declaran que se lles insistiu en manter algún tipo de relación romántica ou sexual.

Mónica Álvarez apunta que “dada que a violencia dixital é relativamente nova, as nenas e mulleres que viviron ou viven algún episodio non son conscientes de que iso é violencia, facendo difícil a identificación e a abordaxe da situación”.

Atención dende a infancia

Para garantir as mesmas oportunidades, dende COGAMI ven necesario que se produza unha atención especializada dende idades máis temperás. Se as nenas e nenos con discapacidade reciben terapias tralo nacemento, colaborarase a que teñan un mellor desenvolvemento co paso dos anos, sendo nesta etapa na que se pode compartir, xogar, estudar e relacionarse sen atopar obstáculos que as limiten.

É necesario potenciar a participación social dende a infancia, resultando tamén básico contar cunha educación que sexa inclusiva, con recursos humanos e apoios técnicos que permitan que as nenas con discapacidade estean incluídas no sistema educativo, como aposta a nova LOMLOE. Durante o ano pasado COGAMI realizou 7 intervencións dirixidas á inclusión educativa obrigatoria e defensa de dereitos de formación inclusiva.

Para poder ter autonomía e independencia é necesario contar con ofertas de traballo dignas e igualitarias. Se as persoas con discapacidade son castigadas no mercado laboral, máis o son as mulleres, rexistrando as peores cifras de inserción en todas as variables relacionadas co emprego. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, a taxa de emprego de mulleres con discapacidade é inferior á masculina en 0,6 puntos, igual que no caso de poboación sen discapacidade. En canto á taxa de paro, esta supera en 3 puntos ás dos homes.

Outras barreiras ás que se enfrontan a diario son as relacionadas en materia de accesibilidade que lles impiden o acceso ao transporte, servizos e atención sociosanitaria. É necesaria unha sociedade deseñada cos criterios de accesibilidade universal e deseño para todas as persoas.  

Programas dirixidos ás mulleres

Para combater esta situación discriminatoria, dende COGAMI e o seu movemento asociativo traballan en programas de empoderamento da muller, onde é preciso rachar cos estereotipos de infantilización e sobreprotección dende os núcleos familiares. A Presidenta de ACADAR apunta que é importante que nenas e mulleres con discapacidade lideren as súas vidas, tomen as súas propias decisións e poidan exercer os seus dereitos cos recursos e apoios axeitados e que deben garantirse por parte da administración”.

Foron atendidas durante o ano pasado máis de 400 mulleres para diminuír a discriminación e prexuízos que as privan de exercer os seus dereitos. Algunhas das actuacións levadas a cabo foron de apoio, mobilización de recursos públicos e privados, acompañamento a vítimas de violencia, mellora das competencias para o emprego, das habilidades persoais e comunicativas, atención psicolóxica e/ou sexolóxica, entre outras. É fundamental promover o activismo das mulleres en todas as esferas da vida e garantir o seu empoderamento”, remata Mónica Álvarez.

CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI

Dende COGAMI queremos dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9% do total da poboación.

No mes de marzo reivindicamos a autonomía persoal a través do lema Somos Nenas e Mulleres, para visibilizar a discriminación que viven polo feito de ser mulleres. Acompañamos a nota cunha peza audiovisual que se pode ver neste enlace https://youtu.be/WLTBjFweWjc

O resto dos meses, recollerán estas outras reivindicacións:

Abril. SOMOS SAÚDE: Impulsamos a correcta intervención sociosanitaria.

Maio. SOMOS FORMACIÓN: Impartimos cursos orientados ao emprego.

Xuño. SOMOS EMPREGO: Xeramos oportunidades laborais.

Xullo. SOMOS LECER: Fomentamos actividades inclusivas.

Agosto. SOMOS PRESENTE, SOMOS FUTURO: Atendemos ás necesidades da infancia e a xuventude.

Setembro. SOMOS ACCESIBILIDADE: Deseñamos contornas espazos para todas as persoas.

Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo.

Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social.

Decembro. SOMOS REIVINDICACIÓN: Contribuímos á participación social en igualdade.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad