Sabela Landín 08/03/2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou en Santiago de Compostela na entrega deste material á alcaldesa mosense, ao concelleiro de Emerxencias e membros do GES de Mos

O novo camión para Mos forma parte da dotación coa que o Goberno galego apoia este ano a 13 GES da comunidade

O investimento global destinado aos GES ascende a 2M€, no marco dos máis de 24M€ investidos nos últimos anos en material a GES e aos servizos de Protección Civil

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Emerxencias, Leo Costas e membros do GES de Mos recibiron esta mañá en Santiago de Compostela, de mans do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, equipamento para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) mosense, consistente nun novo camión autobomba. Con este, Mos suma 4 vehículos destinados a asistir emerxencias.

É o cuarto vehículo que se incorpora ao parque móbil da nave do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, sito na Veigadaña. E trátase dun camión tipo Bomba Rural Pesada (BPR) cunha capacidade de 3.000 litros e bomba centrífuga con presión combinada e lanzamento de auga en baixa e alta presión. O Goberno galego investiu nesta nova dotación para Mos 253.854 euros.

Ao acto desenvolvido hoxe, ademáis do vicepresidente segundo e representantes da administración local mosense, acudiu tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

A entrega forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES e que suma un investimento global superior aos 2M€.

A Xunta aposta así por dotar os servizos de emerxencias dos concellos cos recursos precisos para o desenvolvemento do seu labor a prol da prevención e da protección da cidadanía e do patrimonio. Segundo apuntou Diego Calvo, o obxectivo é garantir as mellores condicións de seguridade e a maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.

Apoio aos servizos de emerxencias locais

Nesta liña referiuse a que o Goberno galego colabora no equipamento dos seus GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) con máis de 24M€nos últimos anos.

O vicepresidente segundo explicou que o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento. Tamén financia os gastos de mantemento das AVPC a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad