Cun orzamento de 12.293 € o Concello de Salceda invirte na accesibilidade da edificación, nova tarima e rodapés e novas fiestras; así como a rehabilitación integral do aseo
Nos últimos días deron comezo as obras de acondicionamento e mellora da Escola da Revolta na parroquia de Parderrubias, que o Concello de Salceda de Caselas está a levar a cabo cun orzamento que ascende a 12.293 €.
Unha das actuacións máis importantes é a accesibilidade da edificación, seguindo a liña de traballo de que todas as instalacións municipais sexan accesibles e sustentables.
Ademais instalarase tarima e rodapés na aula, ou a instalación de novas fiestras; ambas actuacións mellorarán o illamento da aula.
Asemade executarase a rehabilitación integral do aseo existente, con novas tomas de auga e electricidade máis a colocación dos aparatos sanitarios.
Esta intervención ten como obxectivo recuperar e por en valor as instalacións municipais destinándoas a usos e servizos destinados ao benestar da veciñanza. Neste caso será utilizada por colectivos e asociacións da parroquia para o desenvolvemento de actividades de carácter cultural e social.
A alcaldesa e responsable de Urbanismo, Verónica Tourón Domínguez, engade que “con esta actuación na escola da Revolta continuamos coa nosa folla de ruta, rehabilitación e recuperación de instalacións municipais para por ao servizo da veciñanza, con espazos polivalentes para aproveitar os recursos municipais e que o seu uso sexa moito máis eficiente”