Sthela Táboas 14/02/2023

Preto de 80 obras de Hixinio Castillo poderán visitarse até o 18 de marzo na Sala Municipal

Este mércores, 15 de febreiro, inaugúrase a exposición de debuxos e pinturas de Hixinio Castillo “Cali” na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no Edificio Francisco Sánchez– antiga Área Panorámica, que poderá visitarse até o 18 de marzo.

Hixinio Castillo, popularmente coñecido como “Cali”, leva sobre 35 anos vivindo en Tui onde desenvolveu a súa actividade profesional como docente no C.E.I.P. de Pazos de Reis durante varias décadas. Nesta mostra recolle unha escolma da súa extensa produción artística, tanto con obras de debuxo como de pintura ao óleo, salienta especialmente unha serie dedicada ao Entroido, con representacións pictóricas de varios Entroidos tradicionais das terras de Ourense, Lugo e Portugal.

“Cali” defínese como un autor autodidacta no que atinxe ao debuxo, pois dende neno é unha das súas paixóns, aínda que apunta que “suspendín debuxo no instituto”. Dende hai vinte cinco anos leva aprendendo a pintar ao óleo, recibido e compartindo a formación con outros pintores e afeccionados.

Esta é a súa primeira gran exposición con cerca de oitenta obras. Anteriormente ten exposto na Sala “A Fábrica” de Allariz, en diversas agrupacións culturais de Ourense, así como varias mostras colectivas na Guarda e na zona do Baixo Miño.

Ten publicados debuxos seus no semanario “A Nosa Terra”, na revista literaria “Cuaderno del matemático” de Madrid e noutras publicacións periódicas. Para o CEIP de Pazos de Reis elaborou hai uns anos un libro sobre seres fantásticos, que foi editado por este centro escolar, que ten as súas aulas pintadas polo propio “Cali”.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta exposición vai resultar unha sorpresa para todos cantos se acheguen ata a Sala Municipal de Exposicións pois a obra artística de Hixinio Castillo “Cali” sorprende polo seu cromatismo, pola súa capacidade de imaxinación, e pola calidade do seu trazo no debuxo.

No acto de inauguración, este mércores 15 de febreiro ás 19.30 h, contarase coa presenza do propio autor así como do secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez Xurxo, e durante moitos anos compañeiro de Hixinio Castillo no CEIP de Pazos de Reis.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad