O Pazo provincial e a sede de Vigo acollerán o 23 e o 24 de febreiro un espectáculo de ilustración, poesía e música coas e os artistas Marcos Escudero, Alba Cid, María Lado, Margarida Mariño e Alba Barreiro
Un ano máis a Deputación de Pontevedra conmemorará o Día de Rosalía “como merece, por todo o alto”, con senllos actos en Pontevedra e Vigo os días 23 (no Pazo provincial ás 17:30 h) e 24 de febreiro (na sede de Vigo ás 19:00 h). A presidenta Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso e María Ortega, presentou os actos organizados pola institución provincial, que este ano volve contar coa colaboración da Casa de Rosalía e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Carmela Silva lembrou que “Rosalía de Castro é o buque insignia da nosa cultura, da nosa lingua e das nosas letras” e salientou que “é a referente do noso pobo”; de feito, a presidenta puxo en valor que “somos dos poucos pobos do mundo que teñen unha muller referente”. A presidenta provincial valorou que “co gallo do seu nacemento sempre realizamos actividades moi potentes e diversas”, ata o punto de que a Deputación de Pontevedra é “unha das administracións que fan actividades máis relevantes e, desde os últimos anos, sempre acompañadas da Casa de Rosalía”.
As accións son o resultado dun intenso traballo “para que Rosalía de Castro teña o mellor escenario e as mellores actividades, porque é un orgullo que ela sexa a nosa matria”, asegurou Carmela Silva sobre a programación, que homenaxeará a autora e porá en valor o seu papel como un dos primeiros referentes do feminismo en Galicia. Entre as novidades, a presidenta puxo en valor “unha serie limitada de azulexos artesáns obra de Lucía Ares, da firma silledense ‘Coas Mans Artesanía’”. Estas pezas, que levan impresas a silueta e uns versos da escritora, “vanse converter nun elemento do noso agasallo institucional”, e serán entregadas no acto do 23 de febreiro á Fundación Rosalía de Castro, ás persoas representantes da AELG, á condutora dos actos de Pontevedra e Vigo –a actriz Mónica Camaño–, ao grupo de artistas que participarán nos actos e tamén aos centros premiados no concurso escolar “A Nosa Rosalía”.
Un espectáculo multidisciplinar en Pontevedra e Vigo con ilustración, poesía e música
Os actos institucionais desenvolveranse o 23 en Pontevedra e o 24 en Vigo. Tal e como explicou a deputada de Lingua, María Ortega, en Pontevedra co acompañamento do presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira, plantarase nos xardíns anexos ao Pazo unha figueira filla da árbore monumental e senlleira dos tempos de Rosalía que vive na Casa da Matanza en Padrón, “unha débeda que a Deputación tiña coa Fundación despois de que nos irmandáramos e de que levaramos camelias nosas para o seu xardín”.
Os actos continuarán no salón de plenos cunha celebración na que estará Manuel Lourenzo Baleirón en nome da Fundación e tamén Carme Adán, que lerá o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Repartiranse, como cada ano, exemplares de camelia e dos libros da Colección Cíes (dos obradoiros de poética de San Simón) ‘A conversa expansiva’ e ‘Dicir unha illa’. Será un espectáculo multidisciplinar conducido pola actriz Mónica Camaño, no que interactuarán ilustración, poesía e música. As e os protagonistas serán o artista Marcos Escudero, as poetas Alba Cid e María Lado e as intérpretes Margarida Mariño e Alba Barreiro. Consistirá nun recitado poético con música en directo e ilustracións feitas en area, coa técnica coñecida como “sand painting” ou “sand drawing”. En Vigo o acto repetirase o día 24 coa lectura do manifesto da AELG por parte de Xavier Queipo. Nos actos entregaranse flores da camelia “Rosalía de Castro” e exemplares de dous libros da Colección Cíes: “A conversa expansiva” e “Dicir unha illa”.
Concurso escolar e outras actividades
O departamento de Cultura organiza unha nova edición do concurso escolar ‘A Nosa Rosalía’, que este ano adopta o formato de colaxe. “Está aberto a centros de Primaria e Educación Especial da provincia, que teñen que realizar colaxes feministas con materiais reciclables sobre a vida e/ou obra de Rosalía”, informou a deputada Victoria Alonso. O concurso organízase en tres categorías: Campaniñas (de 1º a 3º de Primaria), Airiños (de 4º a 6º de Primaria) e, como novidade deste ano, a categoría Paxariños dirixida a Educación Especial. Os grupos gañadores “poderán gozar dun contacontos sobre Rosalía no seu centro para traballar e coñecer a súa figura dunha forma lúdica”, informou a deputada. No caso da categoría Paxariños, un obradoiro e un contacontos adaptados ás necesidades do centro. O último día para enviar as candidaturas é este domingo 12 de febreiro a través do correo electrónico anosarosalia@depo.gal.
Ademais, a Deputación tamén organiza unha visita guiada ao xardín de camelias do Castelo de Soutomaior o 23 de febreiro centrada na camelia Rosalía de Castro. Esta variedade de camelia foi nomeada en 1968 polo viveirista Alfredo Moreira da Silva, e a primeira vez que se atopou en Galicia un exemplar de camelia Rosalía de Castro foi no Pazo provincial ese mesmo ano durante o IV Concurso-Exposición Internacional da Camelia organizado pola institución. As persoas que participen na visita (pódese reservar desde a web do Castelo no apartado habitual de visitas guiadas da camelia) poderán levar á casa un exemplar para cultivar esta flor nos seus xardíns.
O departamento de Lingua desenvolverá máis actividades prolongadas no tempo. Segundo explicou María Ortega está xa en marcha a segunda edición do programa ‘Rosalía, a súa casiña, o meu lar’ de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía, que pretende achegar a figura e o legado da autora á rapazada de Primaria e Secundaria de toda a provincia, e nesta ocasión ampliou o número de visitas a 35 centros de ensino. Ortega subliñou que “Rosalía é o noso símbolo, a nosa matrona, e é importante que se coñeza a súa vida e os lugares onde se desenvolveu o seu pensamento, a súa forma de vida entre labrega e fidalga”. As visitas á Casa de Rosalía servirán para dar a entender de forma máis efectiva a importancia de Rosalía como referente e figura central da cultura galega.
Por outra parte, en abril instalarase no vestíbulo do Pazo provincial a exposición ‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía’. Segundo subliñou a deputada de Lingua, esta iniciativa –tamén da man da Fundación Rosalía de Castro– xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, mais non se trata dun herbario científico, senón un herbario literario “que busca aproximarse ao que podería facer a propia Rosalía neses paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra”.
A exposición consta de cinco seccións con 40 imaxes de rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e “outras flores, plantas e especies comestibles”. Tamén dispón dun vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos, para o que se dispón dun procesamento fotográfico de calidade, levado a cabo por Miguel Fraga Vila, que traballou no proxecto xunto a María López-Sandez nun proceso dirixido por María Isabel Fraga Vila, profesora de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.