O Consorcio de Augas do Louro suprime a cuota anual de 46,80 € e mantén para cada baleirado os 40 €+IVE que xa rebaixara o pasado verán
Pouco máis de 5 meses dende que o Consorcio de Augas do Louro rebaixara o prezo polo baleirado de fosas sépticas e no Concello do Porriño, chega agora outra boa nova para a poboación dos concellos do Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Tui. Trátase da supresión da taxa anual que ata entón debían aboar aqueles veciños que solicitaban este servizo de limpeza de pozos negros e fosas sépticas, e que ascendía a 46,80 €.
O importe a pagar dende finais de agosto de 2022 reduciuse ata un 60%, pasando de 100 a 40 € e agora a maiores, en 2023, suprimiuse esa cota anual. Isto fai que dun ano a outro calquera usuario que solicite o baleirado da fosa séptica aforre máis dun 70%, pagando tan só 40 euros (máis o IVE) en vez dos 146,80 euros que debía aboar anteriormente.
O presidente do Consorcio, o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo, sinala como dato a destacar que o ano pasado, ata a modificación a finais de agosto da Ordenanza Reguladora do prezo público pola prestación do servizo de limpeza de pozos negros e fosas sépticas, rexistráronse unha ducia de solicitudes; e dende a entrada vigor do novo importe executáronse xa 19 baleirados (11 no que restaba de 2022 e 8 no que vai de 2023). Ante estes datos, dende o Consorcio estiman que “a este ritmo, neste 2023 se realizarían ata 75 baleirados, o que se multiplicaría por 3 a cifra rexistrada no exercicio anterior”.
Con todo, Alejandro Lorenzo destaca tamén que se detecta un descoñecemento do servizo e destas novas medidas entre a poboación, de aí o impulso que lle queren dar dende o Consorcio, para que chegue a toda a veciñanza, “que todos saiban da existencia deste servizo, do seu prezo, agora reducido, e tamén do procedemento a seguir para beneficiarse”.
As persoas interesadas no baleirado da fosa séptica, tralo pago dos 40 € na sucursal bancaria, teñen que cubrir un impreso de solicitude que deben entregar por rexistro en calquera das oficinas que o Consorcio dispón nos catro concellos. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 900 810 103 ou escribir un correo electrónico ao enderezo contacto@consorciodolouro.es