O alcalde tudense amosa o seu agradecemento á Xunta de Galicia e salienta a posición estratéxica e privilexiada do inmoble
O edificio situado na Praza da Inmaculada pasará a ser propiedade do Concello de Tui. Así o acordou a Xunta de Galicia segundo orde da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que establece a cesión en propiedade a título gratuíto deste inmoble.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta coma esta é “unha boa noticia” que da cumprimento a “unha vella demanda da corporación municipal” xa que tras o traslado dos xulgados ao novo edificio na praza de Galicia, este inmoble quedou practicamente baleiro.
Salienta o interese do edificio que “ocupa unha posición estratéxica e privilexiada no ámbito máis central da nosa cidade”, polo que dicía “debemos tratar de recuperalo para un uso público e vinculado á representación institucional do Concello”.
Enrique Cabaleiro amosa o seu “agradecemento á Xunta de Galicia e á Consellería de Facenda, por aprobar a cesión deste edificio”. Engade que “agora teremos que empezar a traballar na súa rehabilitación, e abrir o debate público de que equipamentos se poden instalar aí”.
No referente aos usos que se poderá destinar agora o inmoble, Enrique Cabaleiro apraza a decisión a despois das eleccións municipais, para que sexa xa a nova corporación municipal a que tome a decisión “co maior consenso posible”.