O servizo conta con profesionais nos eidos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia que atenden a un total de 111 menores
A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, e o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, mantiveron a pasada semana xunto coas concelleiras de Servizos Sociais de ambos concellos, Angela Ledo e Pilar González, unha reunión para renovar o compromiso de prestación conxunta do servizo de atención temperá e avaliar o impacto deste servizo na poboación.
Tanto Xosé Manuel Rodríguez como Verónica Tourón celebraron que a Consellería de Política Social, aprobase o pasado mes de xaneiro a continuidade do financiamento para a prestación deste servizo ata o ano 2024, dándolle estabilidade a este servizo de carácter multidisciplinar.
O gabinete conta cun equipo especializado nos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, que xa atendeu a 111 menores dos cales 82 eran de Salceda de Caselas e 29 de As Neves.
O equipo técnico do gabinete traballa en estreita coordinación co persoal técnico municipal das áreas de educación e servizos sociais, acadando deste xeito unha atención integral aos menores atendidos.
Ambas concelleiras de servizos sociais subliñaron a importancia deste acompañamento no desenrolo persoal e social da poboación infantil. Igualmente destacaron a gratuidade do servizo e a súa calidade o que permite un acceso universal a maioría das familias de ambos concellos.
Verónica Tourón e Xosé Manuel Rodríguez reafirmaron o seu compromiso con este tipo de servizos, que melloran a calidade de vida dos nen@s e das súas familias.