Tamén redactará os proxectos de saneamento en novas zonas nas parroquias, tramos de Loureiro-O Maior en Picoña, Ponte do Ameal-Presa en Parderrubias, Outeiro en San Xurxo e en Santa María de Salceda
O Consorcio de Augas do Louro ven de aprobar a inversión do remanente, arredor de 1,9 M€, para obras e outras actuacións de saneamento e abastecemento.
O remanente líquido de tesourería para gastos xerais co que conta o Consorcio distribuirase, como asi o veñen de decidir as alcaldesas e alcaldes dos catro concellos integrantes, en función da participación de cada un deles nos ingresos que realizan á entidade.
Salceda de Caselas investirá parte dos fondos na execución da rede de saneamento de Ataude na parroquia de Picoña. Esta actuación que xa presentou a alcaldesa e foi aprobada polo pleno da corporación municipal, no pasado mes de decembro, constará de tres tramos de rede de saneamento cunha lonxitude total de 491´10 m que permitirá dotar de saneamento a 18 vivendas da zona, salvando unha gran diferencia de cotas e pendentes do terreo.
Igualmente se financiará a redacción de proxectos de mellora de rede de saneamento para os tramos de Loureiro-O Maior en Picoña, Ponte do Ameal-Presa en Parderrubias, Outeiro en San Xurxo e en Santa María de Salceda. Proxectos que facilitarán unha execución máis directa e inmediata desas melloras, xa que a redacción e división por tramos permitirá ao concello optar con máis facilidade a novas vías de financiamento para acometer ditas actuacións.
Rubén Gonzalez Coto, concelleiro de Medio Ambiente: “Estas actuacións permitirán dotar do servizo de saneamento á unha importante cantidade de vivendas da zona de Ataude e planificar de forma axil e eficaz a execución de novos tramos de saneamento noutras parroquias”.
A alcaldesa Verónica Tourón, explicou que “esta aprobación de crédito que decidimos os catro concellos supón unha moi boa nova para Salceda. Necesitamos ir avanzando no obxectivo de aumentar a rede de saneamento do noso concello e ir abrindo todas as vías de financiamento posibles, e esta é unha delas que supón un importante avance para a nosa vila”.