Sthela Táboas 03/12/2022

Recolle imaxes e textos realizados por fotógrafos e escritores partindo de Porto e rematando en Tui que estarán expostos até o 29 de xaneiro na Sala de Exposicións Municipal no edificio Francisco Sánchez

A exposición “O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra” chega a Tui da man da Consellería da Cultura e da Cidade da Cultura, coa colaboración do Concello de Tui. O acto inaugural tivo lugar o mércores e contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez;  e da comisaria da exposición, Lucía Laín.  Contouse tamén coa presenza do bispo da diocese, Luís Quinteiro; do xefe territorial de Cultura, César Pérez; e da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, entre outras autoridades.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu á Consellería de Cultura que Tui se converta no terceiro lugar onde se exhibe esta exposición despois de Santiago e de Vigo, que se poderá visitar na Sala de Exposicións Municipal no edificio Francisco Sánchez até o 29 de xaneiro. A alcalde aludiu ao papel que a cidade xoga nas relacións tranfronteiriza e tamén a importancia do Camiño Portugués, afirmando que “todo emana de Tui, Tui xogou, xoga e non teño a máis mínima dúbida de que seguirá xogando un papel clave e estratéxico no que son as relacións transfronteirizas entre Galicia e Portugal, e de forma máis específica entre o sur de Galicia e Portugal. O Camiño Portugués é un dos principais sinais de identidade, non so dende o punto de vista cuantitativo, xa que está crecendo cada ano máis en número de peregrinos, senón tamén dende o punto de vista cualitativo, o valor patrimonial, etnográfico, cultura e histórico desta ruta xacobea, convertida nunha das principais rutas xacobeas do mundo pois é incalculable. Todos temos o privilexio de formar parte deste trazado e todos temos a responsabilidade de ser permeables a todas aquelas actuacións que, en aras de promoción deste camiño e de tamén de recoñecemento do valor histórico do mesmo, se leven a cabo no noso concello”.

Pola súa banda o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, agradeceu ao Concello de Tui o interese amosado nesta exposición dende o primeiro día. Destacou que esta mostra fotográfica “ten parte de histórica e parte de contemporánea” xa que presenta 71 fotografías dos séculos XIX, XX e XXI, nas que se reflicten ás realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela. 

Amais Anxo Lorenzo salientou que Tui e as terras do Baixo Miño “teñen un protagonismo especial nesta exposición”, destacando que a Tui de O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra forma parte dos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, a través do que o Goberno galego se propón levar a programación do Gaiás a centros culturais de toda a Comunidade.Lembrou que, a mostra foi xa visitada por máis de 32.000 persoas durante a súa estancia no Museo Centro Gaiás e no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde recalou a primeira das súas itinerancias.

Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quixo tamén poñer en valor o traballo da comisaria da mostra, Lucía Laín, “que fía un magnífico relato a través da ollada de  grandes figuras da arte fotográfica das dúas beiras do Miño, e nun delicado equilibrio entre imaxes históricas e contemporáneas, e entre fotógrafos consagrados e emerxentes, de procedencias diversas, pero cun denominador común: ter transitado polos sendeiros desta ruta histórica de gran valor natural, cultural e paisaxístico”.

A comisaria da mostra, Lucía Laín, destacou coma a exposición propón “unha viaxe ao longo do tempo con 150 anos de fotografías”. Así recolle imaxes dePacheco, José R. Seco, José Moreira ou do fotógrafo alemán OttoWunderlich, pero tamén de José GouveiaGomesJunior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez. Imaxes que se conxungan con textos coma de Pérez Galdós e que demostran, dicía, “coma Tui é fonte de inspiración para escritores e fotógrafos”.  A propia Lucía Laín fixo ao remate do acto inaugural unha visita guiada pola mostra.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad