Entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro o Paseo da Corredoira volverá encherse cos postos de venda, que contan con prazo de inscrición aberto até as 23.00 h do domingo 20 de novembro
O Concello de Tui realiza unha firme aposta polo Mercado de Nadal, tras o éxito acadado nas edicións anteriores, por iso dende o 5 de decembro e até o 5 de xaneiro permanecerá aberto ao público no céntrico Paseo da Corredoira.
Así o Paseo da Corredoira inundarase da maxia do Nadal e dos produtos típicos desta época dende o próximo 5 de decembro. O Concello de Tui, a través do Departamento de Formación e Emprego, Igualdade e Xuventude, Comercio e Mercados, organiza o Mercado de Nadal no que poderán participar persoas artesás e comerciantes con produtos específicos destas datas coma alimentación, decoración, agasallos,…
Terán prioridade as persoas solicitantes que presenten produtos de carácter artesáns e os producidos a pequena escala. Valorarase que os solicitantes teñan razón social en Tui ou na comarca, a calidade, singularidade e carácter diferencial dos produtos que teñan á venda, variedade de sectores, que sexan producidos en Galicia, ou que a persoa solicitante estea en posesión da carta de artesán. A participación no mercado é gratuíta aínda que as persoas expositoras deberán depositar unha fianza de 150 €. Durante o mercado deberán decorar os seus postos con motivos do Nadal.
A participación no Mercado de Nadal poderase solicitar no mes completo, entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro, ou ben nas quendas establecidas do 5 ao 11 de decembro, do 12 ao 18 de decembro, do 19 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro.
Para participar deberán cubrir, até as 23.00 h do domingo 20 de novembro, o formulario en liña accesible en www.tui.gal, e remitir ao correo mercadonadaltui@gmail.com entre 4 e 6 fotografías representativas dos produtos que terán en exposición e venda.
O Mercado de Nadal celebrarase entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro no Paseo da Corredoira onde se instalarán 10 casetas de madeiras para acoller os postos. Abrirá de luns a xoves de 17.00 a 21.30 h, de venres a domingo, festivos e véspera de festivo tamén polas mañás de 12.00 a 14.00 h. Mentres o 24 e 31 de decembro abrirá só pola mañá e o 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerá pechado.