A nena chegou á Xefatura no regazo dos seus pais coa urxencia dunha insuficiencia respiratoria e logo dos primeiros auxilios realizados polos axentes e posterior asistencia sanitaria no ambulatorio porriñés, foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro sendo dada de alta para recuperarse do susto na casa
Sobre as 22.00 h de onte chegaban á Xefatura da Policía Local do Porriño os pais dunha nena, de 2 anos de idade, solicitando do auxilio dos axentes xa que a pequena non podía respirar.
Unha vez os axentes comprobaron a insuficiencia respiratoria da nena, iniciaron os primeiros auxilios correspondentes ata obter unha reacción positiva da mesma. Solicítase entón unha ambulancia, pero dada a escasez das mesmas pola concesionaria do 061, neses intres atopábase noutro servizo.
Dada a indisposición da unidade asistencial e, ao detectar que a pequeña voltaba respirar con dificultade debido ás secrecións que obstruían as vías, os axentes decidiron desprazala ata o Centro de Saúde xunto aos seus pais, acadando de camiño que voltase a respirar con normalidade.
A súa chegada ao ambulatorio médico foi atendida polo persoal sanitario do PAC, para ser trasladada posteriormente ao Hospital Álvaro Cunqueiro, sendo dada de alta para rematar de recuperarse do susto no seu domicilio.
O concelleiro de Seguridade, Abel Estévez, e o alcalde, Alejandro Lorenzo, eloxiaron esta actuación policial, adiantando que o vindeiro ano voltarán realizar un curso de reciclaxe de primeiros auxilios para todos os funcionarios policiais, a fin de garantizar a capacidade de afrontar situación como as vividas onte e resolvelas satisfactoriamente.