Hoxe recibíu dito recoñecemento en Santiago de Compostela xunto a 105 deportistas máis
O deporte mosense estivo representado hoxe pola gran atleta Soledad Castro Soliño, no acto de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia.
A Xunta entregou 106 condecoracións durante unha gala de recoñecemento ao deporte galego, con presenza do seu presidente, Alfonso Rueda, que foi o encargado de entregar as Distincións ao Mérito Deportivo 2022 dende as 18.00 h desta tarde en Santiago de Compostela.
Soledad Castro é Medalla ao Mérito Deportivo do Concello de Mos e conta cun Pavillón Municipal co seu nome, o Pavillón Soledad Castro (antes Pena de Francia).
Esta mosense da parroquia de Dornelas, segue en activo con 25 Nacionais de Cross no seu haber representando a Galicia. Competíu no seu primeiro Nacional de Cross o 10 de marzo de 1985 en Fene e disputou o último o pasado 30 de xaneiro en Jaén. Corre co equipo Comesaña Sporting Club.
En febrero deste ano lograba erixirse subcampioa de Europa de Campo a Través, acadando a medalla de prata a tan só un segundo da gañadora. No Europeo de Cross en Categoría W55, Soledad Castro fixo un tempo de 28:02 logrando o 2º posto na categoría Master de maiores de 55, a tan só 1 segundo da gañadora: a británica Susana Ridley. Nesta competición, que se disputou en Braga o domingo 20 de febreiro, España logrou o ouro por equipos, con Castro formando parte do equipo español.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, orgullosa deste recoñecemento autonómico á insigne mosense, declarou que “leva toda unha vida, persoal e deportiva, demostrando que é un verdadeiro exemplo de muller loitadora e incombustible, cun afán de autosuperación que moi poucas persoas teñen”. A rexedora local destacou ademáis sobre esta distinción da Xunta a Sole Castro que “desde o Concello de Mos celebramos de corazón e con orgullo mosense a condecoración a Sole por parte da Xunta de Galicia. Mos é terra de grandes deportistas e Soledad Castro é unha das súas máximas representantes”, concluíu Arévalo.