Once mulleres amosan a súa obra pictórica que poderá visitarse ata o día luns 31 de outubro
Hoxe inaugurouse na Oficina Municipal de Turismo de Tui a exposición “O despertar dos sentidos” organizada pola Asociación Cultural Tyde coa colaboración do Concello de Tui. Presenta a obra pictórica de once mulleres pertencentes a Asociación Cultural Tyde.
María Fernández, María Garrido, Emilia González, Teresa Ruano, Isabel G. De Haro, ConchiAlonso, Mª CarmenBaquero, Fina Saa, Mª José Rodríguez, Loli González e Pilar Pereira amosan os seus cadros nos que plasman dende paisaxes ata bodegóns; e dende retratos ata imaxes abstractas. A técnica empregada na maioría é a acuarela.
No acto inaugural estiveron esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto á concelleira de Igualdade e a de Cultura, Ana Núñez e Sonsoles Vicente respectivamente.
Enrique Cabaleiro, quixo felicitar ás artistas salientando o seu traballo e a súa actividade, xa que “á marxe do sentido cultural, tamén é salientable a súa acción en canto tecido asociativo, que aporta ese sentido máis social”.
Pola súa banda a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, destacou ás integrantes deste colectivo pola creación de “rede” e polas obras que agora presentan publicamente.
A Asociación Cultural Tyde está conformada por un grupo interxeneracional, coa integrante máis nova de 14 anos. Reúnese cada martes no baixo do edificio da Seguridade Social, fronte á igrexa da Misericordia, onde pode achegarse en horario de mañá ou tarde calquera interesado ou interesada, xa que aínda que na actualidade está conformada so por mulleres, está aberta tamén á participación masculina.
A exposición “O despertar dos sentidos” está aberta na Oficina Municipal de Turismo de Tui ata o 31 de outubro, en horario de 09:30 h a 14.00 h e de 16.00 h a 19.00 h, de luns a domingo.