Sabela Landín 20/09/2022

A Eurocidade Tui-Valença acolle a próxima semana o III Encontro Profesional de Músicas con showcases, faladoiros, speedmeetings e actividades abertas ao público.
 O concerto inaugural ofrecerá as propostas artísticas do proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria e do artista portugués Omiri.
Como novidade, o encontro pecharase co Festival Minho Transfronteirizo no que participarán propostas musicais radicadas en Tui e Valença.
 As inscricións para profesionais do sector seguen abertas a través de mumimusicas.eu

Vinte directos doutras tantas bandas e artistas están programados no encontro profesional de músicas MUMI 2022, que se celebrará do 29 de setembro ao 1 de outubro en Tui e Valença. Dez nomes de Galiza e outros dez de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual. A organización do MUMI 2022 presentou a programación de showcases e avanzou que durante o encontro, a oferta para profesionais desenvolverase no Teatro Municipal de Tui e no Espazo OFF da Academia de Música da Fortaleça de Valença, mentres que os concertos abertos ao público terán lugar na Avenida da Estaçao de Valença e no Paseo da Corredoira de Tui. O artista portugués Omiri e o proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria serán os encargados de ofrecer o concerto de apertura do MUMI 2022 o xoves 29 de setembro na Avenida da Estaçao de Valença.

Diana Ferreira, da equipa organizadora do MUMI, encargouse de presentar o programa de concertos do encontro nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Pousada da Fortaleza de Valença. No acto participaron tamén o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González,  o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jose Manuel CarpinteiraJoão Silva, da Direção Regional de Cultura do Norte  de Portugal; e Ana Laura Iglesias, responsable de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra. Ademais, asistiron tamén João Silva, da Direção Regional de Cultura do Norte  de Portugal; Luis Ulloa da AECT Río Minho; e Manuel Roxo, da equipa do MUMI.


Programa de Showcases
Brais Morán & Nasafunk, Brassica Rapa, Caamaño & Ameixeiras, Caldo, Golfiños, Momboi, Mounqup, Neboa, Xan Campos Trío e Xosé Lois Romero & Aliboria, conforman a relación dos showcases galegos programados. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son tamén dez: Birds are indie, Crua, 47 de Fevereiro, Dapunksportif, Kumpania Algazarra, Manuel Maio, Meta, Omiri, Raia e Space Ensemble. O MUMI 2022 pecha deste xeito a selección de artistas e bandas que participarán no encontro profesional ao redor das músicas de Galicia e Portugal do 29 de setembro ao 1 de outubro na Eurocidade Tui-Valença. A respecto da configuración do programa, Diana Ferreira, da organización do encontro, admitiu que “foi preciso facer un duro  traballo de selección”, tras o éxito de convocatoria que se pechou cun total de 352 propostas artísticas candidatadas para os showcases, e apuntou que “isto demostra a solidez da escena e o interese da industria musical dos dous países polo MUMI”. Ferreira engadiu que “diversidade é unha palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2021, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa”. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica esencial, pasando polo jazz, o funk e o pop de autoría, os vinte showcases programados recollen a variada escena de ambas beiras do Miño. A maioría dos vinte concertos programados no MUMI estarán tamén abertos ao público xeral.

A Eurocidade Tui-Valença acolle e patrocina a través do proxecto Unicidade un encontro que, ademais da vertente profesional, abrirá boa parte do programa ao público xeral, especialmente o sábado 1 de outubro. Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o MUMI “ningún evento representa mellor que o MUMI a colaboración transfronteiriza” e engadiu que “esta é unha das fronteiras máis antigas de Europa, a que ten maior índice de mobilidade e de número de intercambios industriais, comerciais e financeiros, polo tanto é un territorio clave para un encontro coma est”. O presidente da Cámara Municipal de Valença, Jose Manuel Carpinteira destacou que se tratara dunha “marca cultural estratéxica para a eurocidade, e un estímulo para as economías locais” e manifestou o seu desexo de que se transforme nunha “referencia ibérica no ámbito da música e abra as portas a novos mercados”. Nesa mesma liña, a deptuada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias, asegurou que “non queremos voltar a vivir de costas” e mprometeuse a “seguir traballando para fortalecer os lazos de unión entre os dous países e lograr convertir ao MUMI nun referente europeo e internacional do que se ten que facer nos territorios transfronteirizos”. O encontro tamén está apoiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic; e pola entidade europea de cooperación transfronteiriza, AECT Rio Minho, que  cifra a súa aposta polo MUMI dentro do seu apoio a eventos que dinamicen a cultura transfronteiriza e a promoción do patrimonio cultural inmaterial do territorio.

Apertura con músicas que experimentan a partir da raíz
Desde o MUMI 2022 tamén revelaron o proxecto que protagonizará o concerto de benvida: O proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria e o artista portugués Omiri, teñen encomendada a misión de abrir esta edición do MUMI o xoves 29 de setembro ás 22 hora galega, na Avenida da Estaçao de Valença. Nese showcase de apertura Xosé Lois Romero & Aliboria vannos presentar as novas cancións publicadas neste 2022. Subirán ao palco máis dunha ducia de músicos e músicas, armados só coa súa voz e a percusión tradicional galega; percusións clásicas de pandeiros, pandeiretas ou bombos, e percusións populares que se usaban na Galiza a principios do século XX: latas de pementón, chaves, tixolas, ou ferramentas para tallar a terra. As voces, todas femininas, harmonizan dun xeito tan sensible como salvaxe. Como se un coro da igrexa cantase a “haka” da selección de rugby de Nova Zelanda. Unha bestialidade marabillosa. Pola súa parte, o portugués Omiri vai sorprender cunha mestura de músicas e paisaxes sonoras de todo Portugal nun mesmo espectáculo. Empregando vídeos con gravacións de campo manipuladas para servir de base musical á composición e improvisación de Vasco Ribeiro Casais, recupéranse prácticas musicais xa esquecidas, facéndoas permeables e accesibles á cultura dos nosos días, sincronizando formas e músicas da tradición rural portuguesa. Nos últimos anos Omiri consolidouse como un dos proxectos musicais máis internacionais de Portugal, levando a cultura portuguesa ás principais salas e festivais do mundo. En directo, Vasco Ribeiro Casais actúa con Maria Antunes, Guilherme Brak-Lamy e Rafaela Pinto, tres danzarin@s que dan corazón ás coreografías de Filipa Peraltinha nunha mestura de hip-hop, danza contemporánea e tradición.


Outras actividades do programa
Ademais dos showcases, haberá tamén un programa de faladoiros nos que se van tratar temas como o Financiamento Público para proxectos culturais, no que se falará de redes de financiamento, circuítos institucionais e apoios públicos; As relacións entre axentes culturais e representantes políticos, no que se debaterán as dificultades na relación dos planos político e técnico en relación ás programacións culturais; o Estatuto profissional da cultura, comparando a situación actual en Galiza e Portugal, diferencias que tamén serán analizadas na palestra Riscos Laborais nos eventos musicais (PT – GZ); o Papel dos medios de comunicación nas promocións artísticas, sobre os retos de futuro á hora de promocionar proxectos artísticos nunha era dixital; e Proxectos transfroiterizos Galiza – Portugal, con exemplos inspiradores dos dous países.

Un festival de emerxentes locais para pechar o encontro
A xornada do sábado estará dedicada a visibilizar o traballo das administración locais de ambas beiras do Minho no ámbito musical. Como mostra desas iniciativas, o MUMI acollerá o Festival Minho Transfronteirizo, que pechará esta edición do encontró e no que  participarán catro propostas musicais con base en Valença e Tui. Trátase dunha das novidades deste ano e está encamiñada a construír un espazo de traballo entre as administracións da Eurocidade e a comunidade profesional do MUMI, ofrecéndolles a artistas e bandas locais a oportunidade de mostrar o seu traballo a unha importante representación do sector musical de Galiza e Portugal. Con esta iniciativa, o MUMI pretende xerar un retorno na comunidade onde se celebra o encontro e achegar un valor engadido ás iniciativas locais en materia de música.

Inscricións profesionais para o MUMI 2021
As inscricións profesionais para o MUMI 2022 continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmettings ou encontros rápidos. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita a próxima semana neste evento que quere converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular e que ten como obxectivo crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa, construír unha relación estable entre axentes e empresas de Galicia e Portugal; e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura de ámbolos dous países.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad