O vindeiro sábado, 17 de setembro, participarán neste evento 80 inscritos con motos dos anos 80 e 90.
Esta mañá Daniel Lago e Esteban Fernández Míguez, presentaron no salón de sesións do Concello de Mos a I Kedada de Motos Old School Galician en Pereiras, para o que estiveron acompañados pola alcaldesa, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, o concelleiro de Deportes, José Areal, e o edil de Mocidade, Leo Costas.
O evento terá lugar o vindeiro sábado 17 de setembro e participarán nel 80 inscritos con motos dos anos 80 e 90 do século pasado. Con saída ás 10.30 horas da mañá desde o Local Social da AVV Nosa Terra de Pereiras, os participantes farán unha ruta pasando por Ribadelouro, Tui, San Antoniño, Tebra, Tomiño, Torroña, Baiona e Gondomar. Farán unha parada do Bar Salinas en Torroña e depois farán a baixada pola Virxe da Roca, Baiona, Gondomar… para regresar ao Local Social de Pereiras e iniciar o xantar ás 14.30 horas. Comida que se fará no mesmo local, no Snack Pizza Bar Os Castros. Ao rematar a comida haberá sorteo de agasallos e sobremesa ata ben entrada a tarde.
O prazo de inscrición pechouse o pasado 8 de setembro, pero todas aquelas persoas non inscritas que teñan motos das décadas dos 80 e 90 e queiran participar na ruta poderán facelo libremente. Onde non poderán participar será no xantar. O público que queira achegarse ata Pereiras o sábado pola tarde para contemplar os exemplares participantes e os expostos tamén pode animarse a facelo. A exposición de motos antigas contará coa do primeiro galego dn participar no Dakar, Sergio del Palacio, e coas motos de Dani Rivas, entre outras.
Desde a organización do evento agradecen enormemente o apoio ás entidades colaboradoras, entre as que se atopan a AVV Nosa Terra de Pereiras e o Concello de Mos.