O Pazo de Mos acolleu o acto de presentación, onde tamén se inaugurou a Exposición de traballos das Palilleiras do Baixo Miño ata o 7 de outubro
O desfile terá lugar o sábado 17 de setembro no exterior do Pazo de Mos ás 20.30 h
Tras o éxito acadado o pasado ano coa primeira edición, As Palilleiras de Mos organizan o II Concurso de Noveis Deseñadores DesfilaMos, que onte presentaron no Pazo de Mos a presidenta das Palilleiras mosenses, Montse Pereira; a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo; o tenente alcalde, Camilo Augusto; a concelleira de Cultura, Turismo, Participación Cidadá, Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro; xunto integrantes da Asociación de Mos e da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño de Tui, así como outros membros da Corporación Municipal e da Fundación Pazo de Mos.
Esta iniciativa enmárcase dentro dunha proposta da Asociación de Palilleiras de Mos na contorna do Pazo de Mos, que acollerá a semana que vén o desfile con prendas do Concurso de Noveis Deseñadores, o obxectivo de poñer en valor o encaixe no Camiño de Santiago.
Esta iniciativa das Palilleiras de Mos ten por obxectivo impulsar a vertente artística, tradicional e cultural do municipio, á vez dun revulsivo para a recuperación turística da zona tras as consecuencias da crise sanitaria da COVID-19.
A exposición, permanecerá aberta ao público nas salas do Pazo de Mos ata o 7 de outubro, de luns a sábado de 16.00 h a 20.00 h.
A segunda edición de ‘DesfilaMos’ terá lugar na contorna do Pazo de Mos o 17 de setembro ás 20.30 h, onde as novas xeracións do deseño de moda teñen de novo a súa oportunidade no Concurso de Noveis Deseñadores, convocado pola Asociación de Palilleiras de Mos e contará coa actuación de Cristian de Samil e outro desfile de firmas.
Acompañando á pasarela de moda, haberá un mercado artesán dende as 12.00 h do mediodía, acompañado de música tradicional ás 13.00 h, coa actuación do Grupo de Gaitas de Celado; e ás 19.00 h, co Grupo de Gaitas Airiños do Castelo do CC Santa Eulalia.
A entrega de premios e desfile de exposición das coleccións presentadas a concurso realizarase na contorna do Pazo de Mos o 17 de setembro, nunha cita coa moda e o encaixe de bolillos bautizada xa na pasada edición como ‘DesfilaMos’.