A presidenta Carmela Silva e o alcalde Juan Pablo Castillo asinaron o convenio por valor de 415.000 € para configurar un novo espazo amable e seguro en Paraños
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Covelo deron hoxe o primeiro paso para a recuperación e mellora do espazo público en Paraños, unha actuación que se desenvolverá nunha área de máis de 2.600 metros cadrados e que permitirá ao municipio configurar un espazo amable e seguro no núcleo rural. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Juan Pablo Castillo, asinaron hoxe o convenio para a execución destas obras, enmarcadas no Plan Provincial ReacPon e cuxo orzamento total ascende a 415.000 euros, dos que a Deputación achegará 373.500 €. O proxecto permitirá á veciñanza de Covelo desfrutar de ata un 88,5% máis de espazo peonil en Paraños a través da posta en marcha dun lugar accesible, de calidade, que promove a mobilidade natural, activa e sostible.
A presidenta, Carmela Silva, puxo en valor o proxecto “moi ben deseñado, esteticamente moi coidado e cunha enorme calidade urbana” que vai permitir converter a Covelo nunha vila “moi atractiva tanto para a súa veciñanza como para as persoas que decidan vir visitar ou vivir nela”. Tamén remarcou a aposta que o goberno local está a facer para transformar o espazo público, poñendo como exemplo outras iniciativas realizadas na vila con achegas da Deputación como a praza de Barciademera.
Lembrou que os dous grandes obxectivos do Plan ReacPon son impulsar unha “política económica expansiva dedicando recursos públicos a promover inversións para dinamizar a actividade económica” e “poñer a disposición dos concellos recursos extraordinarios para poder facer realidade os seus soños e grandes proxectos”. Neste senso, a presidenta felicitou aos alcaldes e alcaldesas da provincia pola súa “capacidade transformadora das súas cidades, vilas e pobos” e reivindicou a “eficiencia” do mundo local facendo un chamamento “ao resto das administracións para que conten máis con nós: precisamos unha financiación adecuada e unhas competencias ben definidas, porque somos grandes xestoras e xestores”.
Pola súa banda, o alcalde Juan Pablo Castillo agradeceu o apoio da institución provincial e amosou a súa satisfacción por asinar “convenios por este importe, ogallá puidésemos asinar moitos máis así. Sen a axuda da Deputación de Pontevedra sería imposible facer este tipo de actuacións”. O alcalde enmarcou a actuación que se vai desenvolver en Paraños nas “políticas que o goberno municipal está levando a cabo para acondicionar espazos públicos rurais para que teñan os mesmos servizos e calidade estética e construtiva que os espazos urbanos”. Castillo puxo como exemplo, ao igual que Carmela Silva, a praza de Barciademera e destacou que este novo proxecto que se vai impulsar coas achegas do plan ReacPon servirá para continuar “co mesmo estilo arquitectónico e preferencia peonil” das outras actuacións iniciadas na vila.
O proxecto
A recuperación do espazo público de Paraños permitirá mellorar o espazo público do núcleo rural incrementando ata un 88,5% o seu espazo peonil e configurando un espazo amable e seguro, que permita a autonomía infantil e fomente a economía de proximidade. A actuación contempla a creación dunha zona de prioridade peonil, con medidas de calmado de tráfico como redutores físicos de velocidade e novos pavimentos; novo mobiliario urbano, como bancos de granito, varandas e aparcadoiros de bicicletas; e tamén novas especies vexetais. Amais apostarase por iluminación eficiente, que permitirá delimitar a zona de estancia peonil e diferenciala doutros espazos, soterraranse as redes de telecomunicacións e reformarase a rede de recollida e evacuación de augas pluviais.
O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.