Sthela Táboas 30/12/2021

O grupo da oposición postúlase como “o único grupo de esquerda que pode garantir o ben común”

¿Por qué votástedes a favor da candidata do PSdG?

Porque tiñamos o compromiso de investir a un canditadato do PSdG, que foi o que sempre dixemos que fariamos, se a alcaldesa dimitía.

¿O perfil era o axeitado?

Non, e quedou aínda máis claro ao non botarse a un lado, frustar a investidura dun compañeiro de grupo e perder o goberno. Con todo, EU Son ten palabra e non se nos pode dicir que antepuxeramos un nome.

¿Qué faltou?

Faltou que o PSdG tomara isto coma unha oportunidade e non como un ataque ou unha ameaza. En todo momento quixemos falar, antes de nada, de contidos e de proxectos e do apoio a un goberno forte, pasando por alto actitudes que
preferimos esquecer.

¿Cómo valorades o proceso unha vez rematado o mesmo?

Non podemos valoralo positivamente porque non o é. Botouse por terra a oportunidade de formar un goberno de esquerdas cohesionado. Estabamos dispostas a poñer o noso traballo en áreas fundamentais para mudar as dinámicas deste concello como participación e transparencia e noutras que consideramos desatendidas como xuventude, maiores e educación, medioambiente…

¿Cómo se sinten @s militantes e simpatizantes de EU Son agora?

Tristes polo que puido ser e non foi, de momento, pero coa conciencia moi tranquila. O que non nos sentimos é responsables do acontecido porque se debe a problemas internos do PSdG que evidentemente non imos arranxar nós.

¿Qué ten que mudar para un futuro mellor no Porriño?

Que a xente non mire o Concello como algo alleo senón próximo, que non sexa fonte de problemas senón todo o contrario. Para iso hai que activar mecanismos de participación e transparencia, fomentar que entre todas e todos construamos o Porriño que merecemos. Se @s veciñ@s cumprimos coas nosas obrigas, o Concello debe estar á altura, empezando polo goberno e o conxunto da Corporación.

¿Qué opinión lles ten o feito por UDDL?

Respectamos o sentido do seu voto, que xa viña anunciando dende hai moito tempo. Non negou en ningún momento o apoio a unha alcaldía do PSdG.

¿Enténdese a súa decisión?

Enténdese e cónstanos que tamén a entende a militancia do PSdG e ata o propio aparato do partido, que vía noutro candidato o perfil máis axeitado para desenvolver un proxecto a tres.

¿E agora qué?

Pois agora dende EU SON imos seguir traballando, fiscalizando e controlando ao goberno, trasladando as queixas e suxestións da veciñanza e facendo propostas de interese xeral. Aí estaremos vixiantes, esixindo solucións para que non quede todo en propaganda.


Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad