Sthela Táboas 30/12/2021

A través de Pablo, pai de dous xogadores que por motivos laborais se atopa no lugar, coñeceron as carencias dos máis pequenos polo que a familia do baloncesto recolleu diverso material que será entregado polo exército

O material humanitario recollido polo Porriño Baloncesto Base, no marco da campaña solidaria de Nadal, saíu este martes do pavillón municipal do Porriño con destino a Bangui.

Este Nadal o PBB decidiu moverse polos nenos e nenas de Bangui, capital da República Centroafricana que, pola difícil situación que atravesa o país, enfróntanse a duras condicións de vida.

Pablo, socio do PBB e pai de dous dos seus xogadores, Xabi e Abel, está neste país por motivos laborais participando como militar nunha misión da Unión Europea. Foi él quen lles trasladou aos seus compañeiros do clube, as duras condicións de vida que atravesa Bangui e, concretamente, no orfanato dun dos barrios máis deprimidos da cidade, pois os máis pequenos que alí  viven, carecen do básico.

Durante a campaña instalouse no pavillón un punto de recollida, onde todos os que quixeron contribuír, deixaron as súas achegas: material escolar básico, xoguetes, roupa e calzado infantil e material deportivo. Agora son os militares os que se encargan do transporte.

Dende o clube porriñés explicaron esta iniciativa solidaria nos termos “Como vivimos nun mundo global onde todo está conectado, non podíamos perder a chamada de Pablo. @s nen@s necesitaban una axuda que se lles poidese enviar dende España e non o dubidamos, puxemos en marcha á Familia PBB”.

“Todas as achegas suman por pequenas que sexan. O noso obxectivo era mellorar un pouco a vida destes nenos e que se sintan membros da familia PBB que non coñece fronteiras”, engaden dende o clube. Dende a directiva concluíron “agradecendo a solidariedade de todas as persoas que se sumaron a esta campaña. Xuntos, conseguímolo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad