Mónica Romero 11/11/2021

A actuación ten un orzamento de case 120.000 euros e levaranse a cabo na contorna da rotonda que comunica coa EP-4202

A Deputación de Pontevedra segue a apostar por un modelo amable, seguro e sostible nas estradas provinciais coa licitación da mellora da mobilidade peonil da EP-4006 Ponteareas-As Neves. As actuacións teñen un orzamento de 117.400 euros e con elas acondicionaranse 120 metros de estrada na contorna da rotonda que comunica coa EP-4202, situada no concello das Neves.

Con estas obras a institución provincial dálle prioridade ao tráfico peonil ao incrementar o espazo ocupado polas beirarrúas á vez que mellora a seguridade viaria mediante a reordenación dos accesos á rotonda e ao apartadoiro do autobús. As empresas que desexen levar a cabo este proxecto poden presentar as súas ofertas ata o 30 de novembro.

Máis polo miúdo, contémplanse actuacións na devandita rotonda, que contará con dous carrís de circulación de catro metros e unha beiravía exterior de 0,5 metros, así como a instalación dunha nova marquesiña e da sinalización horizontal e vertical correspondente.

Do mesmo xeito procederase á reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e alumeado público con luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente. Tamén se acondicionarán as zonas verdes, rotonda e illotes con terra vexetal e céspede e ao longo das beirarrúas distribuiranse nove árbores e catro bancos de granito.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad