A mosense xa suma tres últimos títulos de Campioa de España de xeito consecutivo co disputado a pasada fin de semana en terras leonesas
Na tarde de onte, celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción a Susana Alonso Carballo que, o pasado sábado 23 de outubro, revalidou o título de Campioa de España de BTT – Ultramaratón en León.
Susana Alonso foi recibida e felicitada na Casa Consistorial mosense pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde, Camilo Augusto; o concelleiro de Deportes, José Areal, e demais membros da Corporación Municipal; aproveitando tamén para asinar o convenio de colaboración polo que a administración local mosense lle outorga unha subvención anual nominativa.
Este último campionato nacional foi unha nova Power Race cun percorrido de 134 km por 11 municipios da provincia. A proba contou cunha cifra próxima aos 500 participantes de todo o país, das que 62 foron mulleres, nas que se inluía Susana Alonso, que por terceira vez acadaba o título de Campioa de España.
A deportista mosense estivo acompañada no podio pola lucense Teresa Barreira, terceira clasificada, nunha xornada marcada polo frío (entre 3 e 15 graos) cun percorrido que acumulaba case 3.000 m de desnivel.
Os primeiros 30 km estaban sinalizados e a partir de aí, ata o quilómetro 110, o GPS exerceu de guía nun trazado que favoreceu que se formasen grupos moi definidos, unha vez que rompeu o pelotón. O dúo galego formado por Susana Alonso e Teresa Barreira impuxo un ritmo moi alto desde a saída que a maior parte das corredoras non puideron seguir. Con todo, a catalá Ramona Gabriel completou o primeiro terzo da carreira na cabeza, coa mosense moi preto e Barreira en terceira posición. Alonso pasou á acción no segundo terzo da proba, no que adiantou a Gabriel e aos poucos foi abrindo unha brecha que chegou aos dous minutos. Mentres tanto, Barreira resistía na terceira praza, a pesar dos intentos da valenciana Marta Romeu, que tratou de adiantala pero acabou sufrindo unha caída que a obrigou a retirarse.
Susana Alonso comezou mandando no tramo inicial da proba, pero viuse asediada polo empuxe de Ramona Gabriel, que unha vez superado o ecuador da carreira chegou a coller o mando. Nos kilómetros finais, a mosense terminaba con maior frescura e volveu a retomar o liderado para impoñerse con algo máis de catro minutos de renda sobre Gabriel, que ocupou a segunda praza en meta. Por detrás, a tamén galega Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) lideraba a categoría máster-30, pero un fallo no GPS fíxolle perder tempo e tívose que conformar co subcampionato. En categoría elite, Susana Alonso lanzouse en solitario cara á meta e impúxose por diante de Gabriel e Barreira. “Había que navegar e era complicado, non só é cuestión de quen estaba máis forte”, explica a mosense, que recoñeceu que “ao principio da carreira fixo moito frío e cando saíu o sol veume ben”. Na categoría masculina o título de Campión de España foi para o segoviano Francisco Herrero.