Os alumnos están xa participando nos obradoiros impartidos pola Asociación Oral de Galicia que rematarán nunha exhibición final deste certame impulsado pola Deputación de Pontevedra
O Porriño estará representado polo IES Ribeira do Louro, do Baixo Miño toman parte na iniciativa o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui e o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, e en Ponteareas toman parte na iniciativa o IES do Barral, o CFPI A Granxa e o IES Pedra da Auga
A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua e en colaboración coa Asociación Oral de Galicia, vén de impulsar un novo Certame provincial de Regueifa que conta coa participación de 41 centros de Ensino Secundario da provincia. A iniciativa está dividida en diferentes obradoiros formativos arredor da improvisación oral en verso, nos que xa está a participar a rapazada e nunha exhibición final na que as equipas dos diferentes institutos se retarán dialécticamente para gañar o certame.
Os obradoiros están dirixidos a alumnado da ESO e estanse a celebrar en dúas quendas. A primeira comezou o pasado día 13 e finalizará hoxe, e a segunda comezará o 25 de outubro e rematará o 5 de novembro. A demostración final, que terá lugar o 19 de novembro no auditorio do CVC de Valadares en Vigo, estará limitada a dez centros, clasificándose estes en base ao nivel do alumnado, a súa implicación e o número de rapaces interesad@s.
O obxectivo das sesión formativas é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap. Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica, introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén a ironía e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas.
Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, a intención de levar adiante este novo certame é promover actividades para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición. Hai que lembrar que a Asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra xa impulsaron tamén dous volumes teóricos sobre a disciplina da regueifa, como foron ‘Repente galego’ e ‘Metodoloxía da regueifa’, ambos moi demandados tanto a nivel de público como de organizacións e profesionais docentes que están a traballar a favor da recuperación desta fórmula de narración oral.
Por comarcas, participan na edición de 2021 do Certame Provincial de Regueifas de 14 centros da comarca de Vigo: IES A Guía, CPR Quiñones de León, Colexio Monterrey, Colexio Andersen-Augalonga, IES Rosais 2, IES Do Castro, IES de Teis, IES Carlos Casares, IES Coruxo, IES Álvaro Cunqueiro, IES Santa Irene, IES Castelao, IES Ricardo Mella, e IES Alexandre Bóveda.
Na comarca do Morrazo participan oito centros: IES Plurilingüe A Paraleia e IES As Barxas de Moaña; IES Monte Carrasco, CPR Sagrada Familia, Colexio Eduardo Pondal, IES de Rodeira e Colexio Plurilingüe Compañía de María en Cangas; e IES Illa de Ons en Bueu.
Da comarca do Salnés participarán o IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa, o IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, o IES As Bizocas de O Grove e o IES Vilalonga de Sanxenxo. No Val Miñor estarán presentes o IES EscolasProval e IES Val Miñor de Nigrán, o CPI de Cova Terreña de Baiona, e o IES Auga da Laxe de Gondomar.
Do Condado-Paradanta estarán presentes no Certame 3 centros -IES do Barral, CIFP A Granxa e IES Pedra da Auga de Ponteareas- ; do Baixo Miño serán 2 -IES Antón Alonso Ríos e IES Indalecio Pérez Tizón de Tui-; a comarca de Pontevedra estará representada polo IES Ponte Caldelas e o IES de Poio-; do Deza Tabeirós o IES Pintor Colmeiro (Silleda) e o IES Aquis Celenis (de Caldas); da Louriña o IES Ribeira do Louro; e da área de Vigo o IES Soutomaior.