Hoxe envioulle unha carta na que a convida “a coñecer, da miña man, o gran valor arquitectónico e artístico da obra de Palacios”
A alcaldesa do Porriño, Eva García convidou á vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo Yolanda Díaz, a visitar a vila. A invitación foi enviada hoxe martes por carta, xunto con dous libros sobre O Porriño e o arquitecto Antonio Palacios, nos que Yolanda Díaz amosara especial interese.
Eva García e a vicepresidenta coincidiron o pasado 10 de xuño nunha cerimonia, no Círculo de Belas Artes de Madrid, con motivo da presentación dun deses libros, “Trazar a mirada. Caderno de viaxe Antonio Palacios”, obra de Alvaro Bonet.
Na carta que Eva García enviou hoxe a Yolanda Díaz, lémbralle á vicepresidenta que lle pedira fixese chegar en lingua galega tanto ese libro, de Alvaro Bonet, como o de Xosé Ramón Iglesias e Xosé Ramón Paz “Antonio Palacios. Unha viaxe por Galicia”, que recolle material inédito dos debuxos que o propio Palacios realizou no seu camiñar por Galicia, e que o goberno de Eva García rescatou.
A carta da alcaldesa remata reiterando o convite para que a vicepresidenta Yolanda Díaz visite esta vila “cando a túa axenda o permita e, da miña man, poder coñecer o gran valor arquitectónico e artístico da obra de Palacios”.